Sin categoría

Nigrán festexa o Día do Libro con feira, obradoiros, sinaturas, faladoiro e a gala Carlos Casares

O Concello de Nigrán celebrará este sábado 27 de abril o Día do Libro cunha gran xornada festiva de 11:00 a 20:00 horas na Praza do Concello (en caso de choiva trasladarase ao interior das dependencias municipais). O lugar será a sede dunha feira ao respecto e dunha serie de actividades deseñadas para incentivar a lectura e dirixidas a todos os públicos, cun especial protagonismo para os autores da comarca e das dúas librerías do municipio: Paraísos de Papel e Piño. Nos stands de ambos establecementos estarán presentes preto de 20 escritores para asinar os seus exemplares a quen o desexe.

Nesta segunda feira do libro, organizada coa colaboración da Asociación Galega de Escritores, terá lugar ás 11:00 horas (coincidindo co inicio da feira) un faladoiro en homenaxe póstuma a Nieves Ibarra e Alfonso Álvarez Cáccamo, autores vinculados profundamente a Nigrán. Ibarra, falecida en novembro de 2023, foi unha pioneira do feminismo en Galicia, exerceu durante décadas de profesora de Lingua e Literatura no IES Val Miñor e foi a fundadora do Club de Lectura do Concello de Nigrán, asociación que agora pasará a levar o seu nome. Pola súa banda, Cáccamo, falecido o pasado mes de marzo, foi tamén profesor no CPI Arquiecto Palacios e recoñecido escritor en lingua galega, formando parte dunha saga de intelectuais encabezada polo seu pai, Xosé María Álvarez Blázquez (Letras Galegas 2008).

Igualmente, a feira contará co obradoiro de Lettering “Palabras bonitas en galego” a cargo de Papelier, dirixido a nenos a partir de 8 anos (é preciso inscrición previa no mail info@papelier.es).

Finalmente, a partir das 18:00 horas terá lugar no Auditorio Municipal a II edición da gala Carlos Casares “No camiño das artes”, durante a cal serán entregados os premios aos gañadores e gañadoras do II Certame de Relato Curto para escolares de Nigrán baixo o lema “As laranxas que medraban en Nigrán”, en referencia á famosa obra do escritor e veciño de Nigrán, “As laranxas máis laranxas de todas as laranxas”… O Concello de Nigrán e a Fundación Carlos Casares colaboran un ano máis para homenaxear, potenciar e dar a coñecer a figura do escritor entre a mocidade de Nigrán. O evento será presentado por Marina Sánchez-Canal Cultura. Nela haberá música, danza, contos e moitas cousas máis, a cargo de artistas como Xérmola, cantos e contos; Almadanza, Dúo Carrera; Xosé Poldras ou a Banda Xuvenil da Escola da Agrupación Vincios.

Adicionalmente, o Concello de Nigrán celebra no propio martes 23 de abril o Día do Libro con senllas actividades: o roteiro literario “A praia dos afogados” e o contacontos “Escola de Dragóns” na Biblioteca Municipal ás 18:00 horas sen necesidade de inscrición previa.