Baiona, Nigrán e Gondomar celebran un ano máis a Festa da Bicicleta do Val Miñor

Esta mañá no Concello de Baiona presentouse a 34ª edición da Festa da Bicicleta do Val Miñor, que se celebrará o 17 de maio, Día das Letras Galegas. Ao acto de presentación acudiron os alcaldes de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, que exerceu de anfitrión xa que esta edición será organizada pola administración local baionesa; e o alcalde de Gondomar e actual presidente da Mancomunidade do Val Miñor, Paco Ferreira, así como concelleiros de Deportes dos tres concellos, Ana Iglesias, de Baiona, Sara Penedo, de Nigrán, e Nuria Lameiro de Gondomar, acompañados de colaboradores, representantes das Policías Locais dos tres concellos da comarca e o representante do patrocinador do evento, Agua Sana.

As inscricións e entrega de dorsais realizaranse nos respectivos puntos de saída de cada municipio con 40 minutos de antelación co único requirimento de ser maior de 7 anos, contar con bicicleta propia e levar casco. Así, en Baiona partirán ás 10:00 horas desde o Parque da Palma, en Nigrán ás 11:00 horas desde o Pavillón de Deportes e, en Gondomar, tamén ás 11:00 horas desde o Concello. Todas as persoas participantes dispoñerán de seguro de accidentes e responsabilidade civil. A marcha de Baiona acudirá a “recoller” á de Nigrán para despois coincidir coa de Gondomar na rotonda da Ramallosa e, desde alí, pedalear as tres xuntas pola PO-552 cara ao Parque da Palma, onde ás 13:00 horas aproximadamente finalizará con sorteo de agasallos e avituallamento.

No acto de presentación os alcaldes destacaron a importancia deste evento que cada ano supérase e suma máis persoas participantes. Tamén se puxo en valor “esta ocasión especial para fomentar o uso deste medio de transporte tan saudable e amigable co medio ambiente. A bicicleta non só permítenos gozar de momentos en familia, senón que tamén contribúe a mellorar a nosa saúde e a coidar o noso planeta”. O acto terminou “animando á cidadanía a participar nesta bonita actividade e que sigan gozando dos paseos en bicicleta en familia, a incorporar este hábito na nosa rutina diaria e a ser conscientes do impacto positivo que podemos ter na nosa contorna. Xuntos podemos construír un mundo máis saudable e sostible”.