Sin categoría

Alberto Meira asina unha espectacular segunda praza no complicado Rali Berberecho de Noia

O equipo AMF Motorsport desprazábase a Noia para batallar na terceira cita do Campionato Galego de Rallyes, cun Alberto Meira en estado de graza dentro do Supercampionato Galego R5 ademais de tratar de inquietar aos todopoderosos WRC.

A matinal discorreu sen erros, aínda que Alberto Meira e Avelino Martínez atopábanse na cuarta praza absoluta e segunda do Supercampionato, esperando a atacar conforme avanzase a proba. A picada do seu principal rival entre os vehículos R5 na segunda pasada por Brión deixáballe cunha cómoda vantaxe á fronte do Supercampionato e ben asentado na terceira posición absoluta, a só seis segundos do seguinte chanzo do podio.

O primeiro tramo da tarde tamén sería clave, posto que Meira avanzaba outra posición máis na xeral, despois do erro do seu rival por esta segunda praza. Tan só quedaba pechar unha actuación sen erros nas tres especiais que restaban, marcando o segundo mellor crono en todas elas para culminar a proba segundos absolutos, a mellor posición da tempada para o equipo AMF e que dá ás para próximas citas do certame.

O piloto gondomarense daba a súa visión sobre unha xornada moi gratificante: “O de hoxe foi un rallye moi bo, cun ritmo moi alto como o dos últimos rallyes. Tivemos unha pelexa moi grande con Berdomás, que nos ía gañando ata que picou. Pola tarde seguimos mantendo un ritmo alto, baixando cronos entre pasadas, así que estamos moi contentos. O equipo traballou moi ben e Avelino igual, así que só podo dar as grazas a eles e aos nosos sponsors. Un rallye de dez”.

A próxima cita para o equipo AMF Motorsport será en pouco menos de tres semanas co Rallye Mariña Lucense, unha proba que é das poucas que aínda faltan no palmarés de Alberto Meira.