Gondomar inviste preto de 20.000 € nas obras de rehabilitación da antiga escola de San Cibrán

O Concello de Gondomar inicia as obras de rehabilitación exterior da antiga Escola Unitaria de San Cibrán por importe de case 20.000 euros, consistentes no revestimento das fachadas e o arranxo dos aleróns co fin de recuperar as características orixinais da edificación. Na primeira fase da obra retiraranse en primeiro lugar todos os elementos en desuso e deteriorados adheridos ás fachadas, así como elementos de simboloxía franquista que aínda existen, e se ocultarán todas as instalacións realizadas con posterioridade á construción inicial e que quedaron en superficie. Posteriormente procederase á limpeza e reparación do revestimento exterior, recuperando as características orixinais. Por último se procederá á instalación dun tótem de sinalización na entrada para a súa correcta identificación. O prazo de execución das obras é de oito semanas.

Este inmoble foi cedido polo Concello tras unha importante renovación interior para uso veciñal a través da asociación “Movemento Veciñal Escola de San Cibrán”, no que actualmente se desenvolven diferentes actividades culturais, sociais e educativas, abertas á participación de toda a veciñanza. O alcalde Paco Ferreira destacou “a importancia de que estes inmobles que no seu día foron centros educativos, e tiveron unha relevancia moi importante no desenvolvemento dos barrios e parroquias, sigan funcionando como espazos dedicados á socialización e xestionados pola propia veciñanza no que co apoio das administracións poidan ofrecer unha ampla oferta cultural, social e recreativa”.