Este xoves presentouse no Parador de Baiona o V Torneo Integra Erizana, que se celebrará este sábado no campo municipal de fútbol do Aral. Ao acto asistiu Jesús Vázquez Almuiña, alcalde de Baiona, Jose Antonio Figueroa, presidente do Erizana, Alberto Dorado, delegado de Lugove Galicia, Germán Arteta, director da Fundación Celta, Pedro Merino, presidente da Asociación Papo Fino, e Eva Nájera, coordinadora do Torneo.
A cita congregará a oito formacións, a maior parte das cales están actualmente competindo na máxima categoría do fútbol inclusivo nacional: LALIGA Genuine. RC Celta de Vigo, Racing de Ferrol, CD Lugo, Real Sporting Club, Real Oviedo, SD Ponferradina, RC Deportivo e o cadro anfitrión, o Erizana CF, completan o cartel do evento.
O evento ten un importante compoñente deportivo, pero tamén unha notable vertente lúdica, ofrecendo aos participantes a posibilidade de practicar o seu deporte nunha contorna de primeiro nivel, así como un escenario ideal para a confraternización cos integrantes doutras formacións. Por ese motivo, na tarde do sábado concéntranse todos os encontros, para dar paso despois a unha serie de actividades encamiñadas a fomentar a convivencia.
Así, o sábado, os participantes poderán gozar dunha cea de confraternización e unha festa privada. Ademais, durante a xornada do domingo, visitarán a Carabela Pinta e o Museo da Navegación. En Chan da Lagoa participarán nunha actividade lúdica con quads, para finalizar cunha comida popular amenizada por Ardelume e o Grupo de Gaitas A Seneira de Baiona.



