50 veleiros sairán ás Rías Baixas esta fin de semana para disputarse algunha das dúas probas que inclúe o Trofeo CdeC, a competición coa que o Monte Real Club de Yates inaugura a súa tempada de cruceiro.
O club baionés é o que maior número de barcos ten nas súas filas, cun total de 28 tripulacións, das que todas salvo unha competirán no percorrido entre Vigo e Baiona. A frota máis numerosa é a de J80, con 17 unidades, entre as que se atopan, entre outros, o Alboroto de Javi Aguado ou o Solventis Ribadeo de Malalo Bermúdez, recentes gañadores da Liga de Inverno.
6 barcos do club, os Fígaros da Escola de Vela, competirán na clase ORC extra; 3 na clase ORC (o Yess Too de Rui Ramada, o John ‘n Jack de Jean Claude Sarrade e o Asante Sanda de Juan Carlos Trabazos) e un, o Aquilón de Roberto Telle e Ana de la Torre, na categoría de A2. No trazado Combarro – Baiona, o MRCYB estará representado unicamente polo Orión de Javi Pérez.
O Liceo Marítimo de Bouzas sairá á auga con 5 representantes; 4 na categoría de ORC (o Exit Manitu de Emilio Lago, o Ay Carmela de Yago Souto, e o Esquío de Alejandro Castro) e 2 na clase ORC Extra (o Salao de Juan Carlos Sicre e o Too Match de Mariano Benavente).
O Real Club Náutico de Vigo competirá en ORC e A2. En ORC sacará a tres dos seus barcos estrela, dos que se coan nos postos de honra en practicamente todas as competicións. Son o Magical de Julio Rodríguez, o Aceites Abril dos irmáns Pérez Canal e o Deep Blue 2.1 de Vicente Cid. En A2 competirán con outras dúas tripulacións habituadas a subirse aos caixóns máis altos dos podios, o Bonaventure de José Luis Ríos e María Jesús Montes; e o Salaño Dos de Jacobo Vecino e Brenda Maure.
O Club Deportivo Alagua (co Nahela de Víctor Álvarez), o Club Náutico Punta Lagoa (co Bon III de Víctor Carrión) e o Club Náutico de Castrelo de Miño (con La Burla Negra de Juan José Martínez), son os tres últimos clubs que terán representación no percorrido Vigo – Baiona.
En trazado Combarro – Baiona hai moitísima máis variedade de clubs, xa que os 8 participantes inscritos ata o momento, correrán lucindo grímpolas diferentes. O Balea Dous de Luis Pérez defenderá as cores do Real Club Náutico de Rodeira, o Grifon no Vento de Marcos Dacuña fará o propio polo Ro Yacht Club e o Narval de José Antonio Portas polo Club Náutico de Vilagarcía.
O Club Mentor de Figueira da Foz estará representado polo Makai de Miguel Fonseca e o Club de Vela de Viana do Castelo polo Javitudo de Pedro Barbosa. O Ronáuticas Marinas de Jorge Carneiro do Club Náutico San Telmo e o Vagalume de Luis Vidal como independente son os outros dous veleiros que partirán de Combarro rumbo a Baiona.
A competición dará comezo ao mediodía co bocinazo de saída para a frota que parte de Combarro e non será ata as dúas da tarde cando saian os barcos desde Vigo. A outra hora a ter en conta serán as sete da tarde, cando se celebrará a entrega de premios aos gañadores en Baiona, con presenza de membros da directiva do Monte Real e o CEO do Grupo CdeC, patrocinador do evento. Tamén se entregarán os trofeos da Liga de Inverno Cíes-Rande, cuxa última etapa disputarase no marco desta regata.

