Gondomar abre o prazo de solicitudes para o seu campamento de verán “Gondoverán”

O Concello de Gondomar abrirá o próximo 22 de abril e ata o 30 de abril o prazo de solicitudes para inscribirse no seu campamento de verán “Gondoverán”, que se celebrará durante o mes de xullo. “Gondoverán” é un programa de lecer e tempo libre preferentemente para fillos e fillas de familias traballadoras, co obxectivo de favorecer a conciliación da vida familiar e laboral durante o mes de xullo, ao tempo que se potencia o desenvolvemento integral do neno/a a través dunha programación que combina o xogo con actividades creativas, culturais e coñecemento da contorna próxima, dende unha pedagoxía do lecer baseada na educación en igualdade e hábitos saudables, xestionado pola Concellería de Igualdade a través do Centro de Información á Muller.

Todas as actividades contempladas prestaraas un equipo técnico especializado en animación sociocultural, actividades de tempo libre e igualdade de oportunidades entre mulleres e homes. Está dirixido preferentemente a 110 rapaces e rapazas que teñan o seu empadroamento no Concello de Gondomar (será comprobado polo Padrón municipal) nacidos entre os anos 2011 (non poderán facer 13 anos antes da finalización do campamento) e 2021 (deberán ter feitos 3 anos ao inicio do campamento) e cuxos proxenitores ou representantes legais sexan persoas traballadoras en activo (por conta allea ou propia).

“Gondoverán” levarase a cabo durante todo o mes de xullo e terá como sede un Centro Educativo de Gondomar. O seu horario de funcionamento será de 9:00 a 14:00 horas con posibilidade de incorporación de 8:00 a 9:00 horas e de saída de 14:00 a 15:00 horas segundo necesidades particulares. As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral do Concello de Gondomar de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas ou a través da sede electrónica dende as 0:00 horas do día en que se abre o prazo ata as 23:59 horas do día en que acaba o prazo. O prezo será de 125€ por participante todo o mes de xullo.

Solicitude

Anexo I

Anexo II