Especialistas en neuroloxía e uro-xinecoloxía de España e Portugal reuníronse este venres no Curso Funcional by SINUG: organizado pola Sociedad Iberoamericana de Neurología y Uro Patología e que congrega a neurólogos, urólogos e xinecólogos do conxunto do estado e Portugal para abordar a actualidade das patoloxías relacionadas coa uroloxía e a uro-xinecoloxía e para poñer en común as súas máis recentes experiencias. O obxectivo esencial deste curso é facer un repaso da uroloxía funcional, tanto no varón como na muller, sobre todo naquelas patoloxías que afectan a calidade de vida das persoas, tales como: síntomas no tracto urinario inferior (STUI), incontinencia urinaria, ou as dores de pelve e o seu tratamento. Así mesmo, abordaranse temas sobre novas técnicas de cateterismo e o prolapso de órganos da pelve (POP), sen esquecer as infeccións urinarias e, dentro destas, as infeccións urinarias de repetición, por mencionar os aspectos máis comúns.
Patoloxías habituais
Para levar adiante este compromiso, estiveron en Vigo, ademais da propia Galicia; especialistas de Cataluña, Madrid, Canarias ou Portugal, entre outros, compartindo experiencias e novidades en temas de diagnose, tratamento da incontinencia urinaria, a dor de pelve crónica ou síndromes uroxenitais. Cómpre indicar que preto dun 40 por cento da poboación padece este tipo de patoloxías no conxunto do Estado, aínda que moitas delas non se tratan, ben porque pensan que non hai un tratamento eficaz, ben porque consideran que se trata dunha afección normal da idade. Este deixamento por parte da poboación é máis frecuente no tema das incontinencias urinarias (tanto feminina coma masculina) ou no caso de prolapso pélvico: disfunción do solo pélvico que consiste no descenso de un ou máis órganos pélvicos cara o exterior pola cavidade vaxinal.
Curso itinerante
A SINUG pretende coa organización destes cursos levar aos profesionais da medicina, tanto especialistas neste ámbito como médicos de atención primaria, enfermería, fisioterapeutas, etcétera, as novidades neste ámbito. Co fin de achegar este coñecemento, SINUG organizou en España catro cursos de forma itinerante, téndose celebrado xa en Madrid e Sevilla, tocándolle a quenda agora a Vigo, para finalizar o mes que vén en Barcelona.

