Máis de 5.000 corredores tomarán a saída da Vig-Bay

Este venres tivo lugar a presentación da XXIII Medio Maratón Gran Bahía Vig-Bay e III Minibay, que se celebrará este domingo día 14 de abril. O acto no Auditorio da Sede Central de Abanca contou coa presenza de todas as institucións presentes na proba, así como os distintos Corpos de Seguridade, patrocinadores e colaboradores, entre eles o secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa, e os alcaldes de Baiona e Nigrán, Jesús Vázquez Almuiña e Juan A. González.

O mandatario galego animou aos máis de 5.000 corredores que percorrerán este domingo as dúas distancias que pon en liza a proba vixente dende 1996: os máis de 21 quilómetros entre Vigo e Baiona así como os 10,5 desde Nigrán. Lete Lasa destacou o exemplo do gañador da Vig-Bay en 2023, Jorge Puig, que ademais de ser atleta é funcionario público na Dirección Xeral de Xustiza da Xunta e asegurou que moitos galegos e galegas cambian a súa vestimenta executiva por roupa deportiva nas fins de semana ou cada serán tras rematar as súas obrigas laborais. Grazas a isto, o deporte galego conta hoxe con preto de 310.000 licenzas federativas e o atletismo galego suma xa 7.600 cunha práctica igualdade entre mulleres e homes.

No que respecta á disciplina da maratón, o secretario xeral para o Deporte destacou o bo momento que atravesa en Galicia coa consecución da mínima olímpica por parte de Tariku Novales, no pasado mes de decembro e de Ester Navarrete, en febreiro. No caso da atleta viguesa, Lete Lasa aplaudiu a súa valentía xa que hai uns meses pediu unha excedencia do seu posto de enfermeira para profesionalizarse e loitar por acudir aos Xogos de París 2024, onde formará parte dunha gran representación de galegos que están a conseguir a súa clasificación nestas semanas.