Cruz Vermella recibiu este xoves unha nova achega solidaria por valor de 1.605 euros para os seus proxectos en Galicia. A compañía galega de distribución alimentaria Vegalsa-Eroski foi a responsable desta doazón proveniente da venda das 5.096 bolsas solidarias que estiveron dispoñibles para a súa venda na súa rede de establecementos de hipermercados Eroski e supermercados Eroski Center desde febreiro do pasado ano.
O acto de entrega tivo lugar no supermercado Eroski Center de Vioño (A Coruña) coa participación do secretario autonómico de Cruz Vermella en Galicia, Marcos Gómez Paz, o responsable de captación de fondos de Cruz Vermella en Galicia, Pedro Giménez, a directora de Sustentabilidade e Comunicación Corporativa de Vegalsa-Eroski, Gabriela González, e a técnico de RSE de Vegalsa-Eroski, Irasema Dámaso.
Más de 5.000 bolsas vendidas
Foron máis de 5.000 as bolsas vendidas por valor de 1,25 euros nos hipermercados Eroski e supermercados Eroski Center desde febreiro de 2023 ata o pasado mes de marzo.
O secretario autonómico de Cruz Vermella en Galicia agradeceu a confianza e colaboración que “ano tras ano” brinda Vegalsa-Eroski á Organización humanitaria facendo posible “non só o impulso ao labor de Cruz Vermella, senón tamén a capacidade de chegar á sociedade a través da clientela das tendas. Neste sentido, subliñou Marcos Gómez Paz, “é o compromiso de todas e cada unha das persoas, coas súas achegas, o que contribúe a que só en 2023 puidésemos atender a un total de 105.596 persoas en Galicia”.
“Esta colaboración con Cruz Vermella enmárcase dentro da relación que desde Vegalsa-Eroski levamos fortalecendo con esta entidade a través dos anos. En concreto, esta acción é de carácter permanente e busca contribuír, a través da solidariedade dos nosos clientes, non só cos proxectos de Cruz Vermella en Galicia, senón co fomento dunha compra sostible e responsable. Nesta liña, as bolsas continuarán estando dispoñibles na zona de caixas a un prezo de 1,25 euros cun deseño eficiente e sostible”, comenta a directora de Sustentabilidade e Comunicación Corporativa de Vegalsa-Eroski, Gabriela González.
Protección de colectivos vulnerables
Esta doazón súmase ás accións cooperativas que ao longo dos anos desenvolveron ambas as dúas organizacións en favor das persoas máis vulnerables. Exemplo diso é a doazón de 20.000 euros por parte de Vegalsa-Eroski a Cruz Vermella para accións vinculadas coa protección da infancia en risco de exclusión social; a participación desta entidade no programa Céntimos Solidarios da compañía ou a colaboración de ambas as dúas entidades no lanzamento de dous receitarios para fomentar a alimentación saudable a prezos alcanzables “Hoy como en casa: recetas saludables y económicas elaboradas por los mejores chefs de Galicia” e “Los peques a la mesa”. Destaca tamén a alianza para o fomento do emprego e a inserción laboral a través dun convenio de colaboración, polo que máis de 290 usuarios de Cruz Vermella participaron neste plan e sumáronse máis de 75 persoas ao persoal de Vegalsa-Eroski.

