Sin categoría

Gradación do Ciclo Superior en Animación Sociocultural e Turística do IES Primeiro de Marzo

O Auditorio Municipal V Centenario de Baiona acolleu o acto de Gradación do alumnado da promoción 2022/2024 do Ciclo Superior en Animación Sociocultural e Turística do IES Primeiro de Marzo. No acto estivo presente a Concelleira de Educación do Concello de Baiona, Nuria Leyenda Gómez.

Unha vez finalizada a súa formación no centro educativo, o alumnado afronta agora a última etapa da súa aprendizaxe profesional, mediante a súa incorporación a diversas empresas e entidades da zona para realizar a súa Formación en Centros de Traballo antes de obter o título que lles acredita como Técnicos/as de Grao Superior.

Esta titulación permítelles incorporarse ao mundo laboral en ámbitos diversos e variados, como, entre outros, a xestión cultural, a información xuvenil, o desenvolvemento comunitario, o lecer educativo ou o turismo cultural. Ademais, para un número importante de estudantes supón a continuidade cara aos estudos universitarios, normalmente no ámbito da educación e a intervención social. Nas últimas promocións, o índice de inserción laboral superou o 70%. Doutra banda, o 100% do alumnado que quixo continuar estudos universitarios conseguiu unha praza no Grao da súa elección.

Desde o Concello de Baiona esperan que estes exitosos datos teñan continuidade coa nova promoción recentemente graduada.