O PSOE denuncia subida de soldos e privatización de servizos nos orzamentos de Baiona

O PSdeG-PSOE de Baiona denuncia nun comunicado que a subida do importe total dos novos orzamentos, levados ao pleno do día 9 de abril polo goberno local, vai dirixida a traballos realizados por empresas externas e na subida de salarios. “Neste pleno o Sr. Almuiña aumenta o soldo dos seus concelleiros con dedicación un 2,5%. Ademais, aumenta a dedicación da súa portavoz, Ruth Álvarez, concelleira de Festexos, con subida importante de soldo, e tamén mellora as retribucións do seu persoal de confianza”.

Segundo os socialistas, dentro destes orzamentos pódese ver unha baixada da partida total de Servizos Sociais e unha subida considerable de traballos contratados a empresas externas. “Tras as acusacións infundadas que o señor Almuiña lanzou en campaña electoral cara ao goberno de Carlos Gómez, dicindo que se pretendía privatizar os servizos municipais, agora este goberno conservador aumenta de maneira esaxerada as partidas para traballos realizados por empresas externas. Un exemplo claro, que os veciños puideron comprobar, é o dunha empresa que estivo e está a realizar todo tipo de labores en Baiona e que está relacionada con concelleiros do PP noutros concellos”.

Desde o PSdeG apuntan tamén que nestes orzamentos o alcalde decide eliminar os convenios con asociacións, tanto culturais como deportivas, que aparecían nos do ano 2023, como poden ser as diferentes corais, a Banda de Música de Belesar, os clubs de Bolo Celta ou o Club de Loita, entre outros. Quedan fóra tamén as que ía dirixidas á Asociación Española Contra o Cancro ou Afaga e desaparece tamén o Proxecto Vincúlate, “mantendo ás familias desinformadas sobre a súa situación despois de tantos meses”.

Carlos Gómez explica que “este documento que acaban de aprobar non pensa no futuro nin no presente de Baiona. Non hai proxectos de futuro, non apoian ao tecido produtivo nin ao cidadán, son uns orzamentos grises”.