Gondomar recibirá preto de 60.000 € da Deputación para instalar iluminación nas pistas deportivas das Cercas

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha axuda de preto de 60.000 euros para que o Concello de Gondomar poida instalar unha nova iluminación nas pistas deportivas do complexo das Cercas. O obxectivo é permitir que os usuarios e clubs deportivos poidan empregar estas pistas en franxas horarias máis amplas e organizar torneos, incluso en horario nocturno.

Con estes recursos o Concello de Gondomar poderá dotar ás pistas de iluminación artificial de baixo consumo a través da instalación de tres pares de columnas para dispoñer de proxectores LED na zona das pistas de tenis. Ademais, instalaranse dúas columnas adicionais na zona na que se atopa a cancha de baloncesto e o skatepark.

Ata o momento, o Goberno provincial mobilizou ao abeiro do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas preto de 1,4 dos 4 millóns de orzamento total, con achegas, ademais de para Gondomar, para A Cañiza, A Estrada, Arbo, As Neves, Baiona, Barro, Cangas, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Lalín, Marín, Meis, Moraña, Pazos de Borbén, Poio, Redondela, Salceda de Caselas, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa.