Aprobado o maior orzamento da historia de Baiona

O Pleno da Corporación do Concello de Baiona aprobou de forma inicial por maioría os orzamentos para o 2024 presentados polo equipo de goberno. A aprobación das cantas municipais contou cos once votos a favor do PP. O pleno deu así o seu visto e prace a un orzamento municipal de Baiona que se incrementa nun 6,04%, 11,2 millóns de euros, o maior orzamento da historia da administración local a pesar das circunstancias económicas. Un teito que garante a prestación dos servizos, con eficiencia e eficacia, para os veciños e veciñas de Baiona, aumenta considerablemente a partida destinada aos servizos sociais e que potencia os investimentos e actuacións no municipio. Os orzamentos aprobados hoxe son, en palabras do alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, “realistas, adaptados á situación socioeconómica actual”.

Aprobada tamén polo equipo de goberno a moción presentada polo Partido Popular de Baiona aos concellos sobre a normativa respecto aos galiñeiros de autoconsumo, instando o Goberno de España a que modifique o Real Decreto 637/2021, do 27 de xullo, polo que se establecen as normas básicas de ordenación das granxas avícolas, para suprimir a obrigatoriedade de rexistro das explotacións avícolas para autoconsumo, excepto decisión da autoridade competente naquelas explotacións en función do risco sanitario ou criterios de ordenación sectorial da Comunidade Autónoma.