Sin categoría

A hostalería de Baiona volverá pagar pola instalación de terrazas

O equipo de goberno de Baiona levou ao pleno ordinario do mes de abril celebrado este martes a aprobación da Ordenanza Fiscal de Terrazas, que saíu adiante cos 11 votos a favor do PP. A taxa por ocupación da vía pública leva sen aplicarse en Baiona desde fai catro anos. Recuperarase o pago para buscar o equilibrio entre o dereito da cidadanía do espazo público e a aspiración da hostalería a darlle á súa clientela un servizo axeitado.

O pasado mes de xullo o novo equipo de goberno tivo unha reunión cos empresarios e empresarias do sector hostaleiro que desenvolven a súa actividade na Vila, na que participou o Alcalde, Jesús Vázquez Almuiña, o Concelleiro de Urbanismo, José Ángel Bahamonde Rodríguez, e o Xefe da Policía Local de Baiona, Plácido Viéitez, xunto a unha corentena de empresarios e empresarias, entre as que se atopaban o Presidente da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona (ACEBA), Marcos Comesaña.

Durante a asemblea, o rexedor baionés presentou ao empresariado “a necesidade de realizar unha solicitude formal de instalación de terrazas en espazos de uso público para todos aqueles locais que a teñan sen tramitar”. Vázquez Almuiña anunciou entón a aprobación de novo da ordenanza municipal que regula esta actividade, para que a partir do tempo de trámite establecido entre en vigor a súa aplicación.

O rexedor reiterou o apoio do goberno local á actividade económica hostaleira, “buscando o equilibrio co desfrute dos veciños e as persoas visitantes”. A este respecto, na reunión tamén se tratou o tema da ocupación da vía pública con respecto á accesibilidade, a limpeza das terrazas, así como a mellora na eliminación de residuos, especialmente os orgánicos. Tamén se considera importante a retirada do mobiliario durante as noites.

“O obxectivo destas medidas é lograr o equilibrio entre a actividade económica, o lecer nas terrazas e o desfrute dos veciños dos espazos públicos do Concello de Baiona”, destacou o rexedor. A Policía Local realizará controis dos distintos espazos para que se cumpra coa ordenanza municipal.