O presidente da Mancomunidade de Concellos do Val Miñor, Paco Ferreira, e Rafael Toval como representante de SEGANOSA (Seguridad Gallega Nosa Terra), asinaron este luns un convenio de colaboración a través do cal 5 alumnos que están a realizar un curso de formación na citada empresa, realizarán as súas prácticas no GES do Val Miñor.
SEGANOSA acumula unha experiencia de máis de 30 anos na formación de profesionais e traballadores en xeral, encargados nas tarefas de salvamento e intervención nas máis diversas áreas de emerxencia, contando actualmente cun moderno Centro de Formación, sendo a empresa máis importante de España no seu sector.
A duración destas prácticas será de 40 horas, e durante este período os 5 alumnos participantes coñecerán de primeira man os diferentes servizos realizados polos técnicos do Grupo de Emerxencias Supramunicipal do Val Miñor, realizando tamén servizos de acompañamento nalgunhas intervencións, pero sen actuar de forma directa nos servizos. Tamén recibirán formación práctica no tratamento e uso do diferente material preciso para os servizos realizados polo GES.
Rafael Toval, representante de SEGANOSA, quixo “agradecer á Mancomunidade do Val Miñor e a o seu presidente Paco Ferreira a dispoñibilidade para que estes alumnos poidan completar a súa formación no GES”, e destacou que “é a primeira vez que unha colaboración entre o noso centro de formación e a Mancomunidade do Val Miñor se plasma nun convenio, que esperemos que sexa o primeiro de moitos”.
Pola súa parte o presidente da Mancomunidade Paco Ferreira sinalou que “a Mancomunidade do Val Miñor aposta por ser un impulsor da formación en distintos ámbitos e este convenio é un exemplo dunha colaboración público-privada que permite que os alumnos poidan recibir a mellor formación posible, neste caso no ámbito da seguridade”.

