Sin categoría

Nigrán abre o prazo para que os cemiterios veciñais e comunidades de augas soliciten axudas

O Concello de Nigrán abre o prazo de solicitude para que os cemiterios veciñais e comunidades de augas da localidade poidan solicitar subvencións municipais para emprender obras de mellora. A novidade destas bases (modificadas a petición dos interesados) é que o Concello adiantará ata o 100% do importe co obxectivo de que poidan emprender cadanseus traballos sen ter que desembolsar previamente os cartos. O BOPPO do 27 de marzo publicou as bases das axudas a camposantos, cun orzamento total de 30.000 €, e o BOPPO do 2 de abril as das comunidades de augas (53.143 € en total) dándose en ambos casos 1 mes de prazo de solicitude desde a data da respectiva publicación.

“Quixemos emendar esta situación para que realmente poidan mellorar as súas infraestruturas, que é o obxectivo primordial, por iso cambiamos este aspecto das bases, para que poidan volver a solicitar as subvencións con esta novidade de xustificar a posteriori as obras”, explica o alcalde, Juan González, sobre esta liña de axudas pioneira no Concello. En ambos casos son por concorrencia competitiva, repartíndose todo o orzamento entre os solicitantes, sendo 5 os cemiterios que poden optar a elas (Camos, Chandebrito, San Pedro, Priegue e Panxón) e 6 traídas de augas de Camos e Chandebrito (únicas parroquias con estas organizacións que reúnen a unhas 200 familias).

“Estas axudas nacen do contacto directo coa veciñanza e atender as súas demandas. Os cemiterios privados son imprescindibles porque a alternativa municipal (Ceán e Parada) ou da propia Igrexa é totalmente insuficiente para a poboación de Nigrán. Por outra banda, as comunidades de augas de Camos e Chandebrito dan servizo ancestralmente a fogares aos que aínda non chega o abastecemento público, polo que consideramos que, en ambos casos, é deber do Concello axudar a manter as infraestruturas en perfecto estado”, considera o alcalde, Juan González.

Os cemiterios poderán incluír nestas subvencións calquera obra que axude a mellorar a infraestrutura (como poden ser de accesibilidade) ou incluso en materia sanitaria; o mesmo as comunidades de augas, que poderán investilo en calquera mellora da instalación, así como en axudas para a análise da auga ou potabilidade da mesma.