Segunda cita da tempada co regreso da mítica proba lalinense ao Campionato Galego, onde Alberto Meira levaba sete anos sen participar e cuxa única vitoria data de 2010. Cunha climatoloxía moi cambiante, esta edición do Rali do Cocido ía ser realmente dura, onde a elección de compostos sería clave.
O piloto gondomarense, acompañado polo seu navegante Avelino Martínez, volveu loitar co seu Fabia R5 fronte ás monturas WRC, moi superiores en prestacións, e no que parecía unha repetición do sucedido na Coruña, a segunda posición absoluta atopábase a tiro, ademais véndose con vantaxe na cabeza do Supercampionato R5 tras diversos erros dos seus rivais.
Pero o primeiro bucle da tarde ía resultar clave, co terceiro tramo desa sección, Saborida, que se disputaba baixo o diluvio mentres as dous anteriores especiais foran sobre seco. Tratando de dar a sorpresa nestas condicións, Meira cometía un erro nun cruzamento que a punto estivo de dar ao traste con todo o traballo realizado, empanzando o seu vehículo nun terraplén, do que afortunadamente saía sen consecuencias mecánicas, cedendo iso si 42 segundos.
Despois do contratempo, e coa terceira praza asegurada, Meira dedicouse a conservar a súa vantaxe de medio minuto á fronte do Supercampionato R5 para sumar unha nova vitoria no certame e un novo podio absoluto.
Meira valoraba así a súa actuación ao termo da proba: “Foi un Rali do Cocido dos míticos, moi delicado e con moita choiva e barro. A pesar diso, corremos moito e estivemos a pelexar polo segundo posto contra os WRC ata o antepenúltimo tramo, onde cometín un erro de principiante nun cruzamento. En calquera caso moi contentos co resultado e o traballo do equipo e darlle as grazas aos patrocinadores que sempre nos apoian”.
A próxima cita para o equipo AMF Motorsport será o inminente Rali Berberecho de Noia, que se disputará a próxima semana.


