Sin categoría

A Santa Casa de Paz e Misericordia de Baiona conclúe os actos do seu 450 aniversario

A Irmandade da Santa Casa de Paz e de Misericordia de Baiona conclúe a celebración do seu 450 aniversario. A clausura tivo lugar o pasado venres 5 de abril na Capela da Misericordia, onde se levaron a cabo actos litúrxicos na honra da irmandade. A corporación municipal estivo presente para render homenaxe a esta institución que desempeña un papel fundamental na vida relixiosa e cultural de Baiona.

Desde o 24 de marzo, veciños e visitantes de Baiona tiveron a oportunidade de coñecer o legado da confraría máis antiga de Galicia. A exposición fotográfica no hall do Concello foi o punto central destas celebracións, mostrando momentos destacados dos 450 anos da Confraría da Santa Casa.

A Irmandade da Santa Casa de Paz e de Misericordia de Baiona foi fundada o 5 de abril de 1574 por orde expresa do Rei Felipe II, co propósito de realizar obras de compaixón nunha vila que sufría continuos ataques piratas e desde o Reino de Portugal. Ao longo dos séculos, mantivo o seu compromiso de brindar un santo enterro aos veciños falecidos na vila, ademais de coidar do patrimonio artístico e cultural da Capela da Misericordia.

O Concello de Baiona agradece a toda a cidadanía, visitantes e colaboradores que participaron nas celebracións do 450 aniversario da Irmandade da Santa Casa, e reafirma o seu compromiso de continuar preservando e promovendo o legado desta institución no futuro.