As Rías Baixas foron testemuñas este sábado da vitoria do Alboroto de Javier Aguado e os Lago na Liga de Inverno Baitra J80, que iniciaron o pasado mes de febreiro partindo como favoritos e concluíron, tras cinco xornadas, no máis alto da clasificación.
O equipo formado por Javier Aguado, Juan Lago e Javier Lago, aos que nas diferentes xornadas sumáronselles outros regatistas como Ramón Lago, Yago Lago, Ramón Ojea ou Borja Sekulits e Ricard Gil demostrou etapa tras etapa a súa intención de querer subirse ao máis alto do podio. Na penúltima xornada deixaron practicamente sentenciada a competición e na última, celebrada este sábado na baía de Baiona, colgáronse os loureiros.
Acabaron con 22 puntos na marcadora, a 11 puntos do seu rival máis directo, e quitáronse a espiniña de non poderse levar a edición anterior, na que quedaron segundos por detrás do Fibra Coruña de Fernández Vasco. Esta vez non perdoaron e suman un novo triunfo a un currículo que non deixa de engrosar ano tras ano, con podios nas principais competicións de Galicia e a gran conquista que supuxo alzarse como os mellores de España en 2022.
O premio que o pasado mes de febreiro recibiron como mellor J80 de 2023 na Gala da Vela Galega e esta última vitoria na Liga de Inverno Baitra J80 auguran unha gran tempada para un equipo moi sólido, fraguado por Juan Carlos Ameneiro, que aínda que nesta ocasión non se subiu a bordo do veleiro, volverá para a próxima competición do Monte Real.
O seu líder nesta liguiña, Javi Aguado, mostrábase moi satisfeito tras lograr a vitoria final sobre todo -dixo- pola gran calidade da frota que navega a día de hoxe en Baiona. “Vimos un gran salto cualitativo tras a celebración do Mundial de J80. Nótase que a xente se adestrou para a cita mundialista e iso repercutiu moi positivamente neste tipo de ligas”, comentou Aguado.
A pesar de navegar mellor con menos vento e ter xornadas de moito vento, o Alboroto logrou xestionar moi ben a renda de puntos que se meteu no peto nas primeiras xornadas e acabou a competición sen sufrir danos no barco nin perdas de posicións na táboa.
Se a medalla de ouro tíñaa o Alboroto practicamente colgada desde fai algunhas etapas, o que non estaba nada claro ao chegar a esta última era como ían quedar o resto de postos do podio, polos que tres equipos pelexaron con forza ata o final, subindo e baixando de posicións pero sen desaparecer nunca do Top 5: o Picacho de Miguel Viejo, o Solventis Ribadeo de Malalo Bermúdez de Castro; e o Cansino de Alejandra Suárez.
Finalmente, a prata foi para o Solventis Ribadeo, que acabou segundo con 33 puntos; e o bronce para o Picacho de Miguel Viejo, que é terceiro con 35 puntos. Apenas dous puntos de diferenza entre dous equipos que estiveron desde o comezo entre os mellores da frota.
O Cansino, con 39 puntos, non puido coarse finalmente entre os tres primeiros. Quedou cuarto con Alejandra Suárez á cana, a única muller de entre as catro primeiras tripulacións clasificadas.
A partir da cuarta posición prodúcese un gran salto de puntos na táboa, xa que o quinto clasificado, o Arriscao de Alex Luca de Tena aparece na clasificación con 72 puntos, a máis de 33 puntos de distancia do anterior.
Finalizada a competición na auga, nun día de moi bo vento, do suroeste con 18 nós de media, que permitiu ao comité de regata dar saída e completar as tres probas previstas no programa, as tripulacións volveron a terra para participar na entrega de premios. Os gañadores recibiron os seus galardóns nas instalacións do Monte Real Club de Yates de mans do presidente do club, José Luis Álvarez; e o director xeral de Baitra Accesorios Navales e patrocinador da competición, Juan Carlos Rodríguez; e o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña.
O punto e final da Liga de Inverno Baitra J80 supón un punto e seguido no calendario deportivo do Monte Real Club de Yates, no que se aveciñan varias semanas moi intensas, coa celebración do Trofeo CdeC e o Trofeo Repsol, este mesmo mes de abril; e a 44CUP Baiona 2024 o próximo mes de maio.







