A artista Conchi Cuadrado expón no Multiusos Mercado de Sabarís as obras dos seus discípulos, cargadas de creatividade e bo facer, que animan ao espectador a reflexionar e admirar a capacidade de creación guiadas e aconselladas pola súa mestra. Cuadrado é coñecida e recoñecida no noso país e fóra das nosas fronteiras pola súa obra chea de simbolismos, usando unha representación figurativa como ferramenta para crear a súa propia linguaxe, unha asociación espontánea de imaxes que contribúe á fascinación para poñer en marcha a roda da reflexión sobre todas as emocións que se poden achar nelas. Ao longo destes anos realizou innumerables exposicións, participou en diversos proxectos e intervencións artísticas e vinculada a organizacións vangardistas no mundo da arte.
En 2018 abre o seu estudo co nome de ARTE CUADRADO, un espazo de cultura, que reúne pintura, charlas de historia da arte, música e bo faladoiro. Nesa atmosfera, Conchi Cuadrado imparte os seus coñecementos. Cos ollos moi abertos os seus discípulos aprenden, adquirindo unha actitude cara á vida de curiosidade pola arte e un sentimento de camaradería, facendo de todos eles a necesidade de empaparse de creatividade para facer magníficas obras, usando todas as disciplinas que están ao seu alcance, sen límites na súa expresión. É unha exposición chea de técnica, mestría e alma, proxecta os sentimentos destes artistas para que o público contemple a obra con gran admiración.
Esta exposición consta de diferentes disciplinas como poden ser o grafito, a acuarela, o acrílico e tamén os pasteis de cores. As obras expostas son na súa maioría figurativas, outras se achegan máis ao impresionismo e tamén unha boa cantidade de pintura contemporánea. Os artistas participantes son Alejandra Fernández, Amalia Alonso, Anna López, Aroa Rodríguez, Belén Otero, Blanca Fernández, David Rodríguez, Emma Román, Eva González, Eva Valverde, Gonzalo Pradas, Graciela Nogueiras, Jimena Sánchez, Lidia Lías, Lola Lourido, Manuela Rodríguez, Maribel González, María Jesús Blanco, María José Sanromán, Matías Montero, Juan Formoso, Nara Lourido, Otto Paquetti, Paula Cariño, Paola Souto, Salud Valverde, Sara Rodríguez, Estella Maris, Tamara Magariños e Vega Mosquera.
A exposición pode visitarse desde o día 5 ata o día 14 de abril en horario de 17:00 a 20:30 horas de luns a sábado e domingos de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30 horas.

