Suspendidas as procesións do Xoves Santo en Gondomar e Baiona

A Unidade Pastoral Gondomar Centro e a Irmandade da Santa Casa de Paz e Misericordia de Baiona comunicaron que ante os prognósticos meteorolóxicos suspéndense as procesións do Xoves Santo. Así, non poderá saír nin a Procesión dos Catro Pasos en Gondomar nin a dos Pasos en Baiona. “Entendeuse que é a mellor solución, para non poñer en perigo ás persoas fundamentalmente como ás imaxes”, sinalan desde a Unidade Pastoral de Gondomar. Pola súa banda, a Santa Casa agradece a todas as persoas que, de forma desinteresada, colaboraron coa Irmandade.

A programación continuará en Gondomar o Xoves Santo ás 20:00 horas coa Celebración da Cea do Señor. O Venres Santo sairá a Procesión da Esperanza ao finalizar a Celebración da Morte do Señor, que dará comezo tamén ás 20:00 horas. O sábado ás 22:00 horas celebrarase a Solemne Vixilia Pascual, e o domingo ás 12:30 horas a Misa de Pascua e a Procesión do Encontro.

En Baiona, o Xoves Santo celebrarase a Santa Misa da Institución da Eucaristía, ás 16:00 horas na Igrexa Conventual das Nais Dominicas e ás 18:00 horas na Igrexa Parroquial. Ás 23:00 horas será Hora Santa para toda a parroquia.

O Vía Crucis na Igrexa Parroquial iniciará a xornada do Venres Santo, ás 10:00 da mañá. A continuación, ás 11:30 horas, o Coro de Homes “Voces Baionesas” interpretará os Cantos Penitenciais na Igrexa Conventual das Nais Dominicas. Pola tarde celebrarase a Paixón do Señor e a Adoración da Cruz, ás 16:00 horas na Igrexa Conventual das Nais Dominicas e ás 18:00 horas na Igrexa Parroquial, desde onde sairá ás 20:00 horas a Procesión do Santo Enterro, acompañada pola Banda de Música de Baiona. Ás 23:00 horas sairá desde a Igrexa Parroquial a Procesión da Soidade (só para mulleres). O Coro de Homes cantará unha Pregaria á Virxe antes de saír e ao recollerse.

Ás 10:00 da mañá do Sábado Santo haberá unha novo Vía Crucis na Igrexa Parroquial. Ás 20:00 horas celebrarase a Vixilia Pascual na Igrexa Conventual das Nais Dominicas, e ás 22:00 horas na Igrexa Parroquial.

O domingo día 31, Pascua de Resurrección, haberá misas ás 9:00 da mañá na Igrexa Conventual das Nais Dominicas e ás 10:00, 12:30 e 19:00 horas na Igrexa Parroquial.