Nigrán clausura o seu primeiro campamento de Semana Santa totalmente gratuíto

O Concello de Nigrán, tal e como fai no Nadal e no verán, ofreceu agora por vez primeira un campamento de Semana Santa co obxectivo de facilitar a conciliación laboral das familias, xa que os nenos teñen vacacións escolares. O campamento, organizado desde o Centro de Información ás Mulleres (CIM) do Concello de Nigrán, estivo destinado a nenos e nenas empadroados no municipio con idades comprendidas entre os 3 e 12 anos e desenvolveuse os días 25, 26 e 27 de marzo no CEIP Humberto Juanes, de 9:00 a 14:30 horas. Tratouse dunha actividade totalmente gratuíta e participaron 56 rapaces e rapazas de Nigrán.

“Os campamentos non só supoñen a conciliación laboral senón que fan que os nenos e nenas poidan aproveitar as vacacións e desfrutar do tempo libre participando en actividades de educación non formal, xa sexan culturais, educativas, ambientais ou deportivas”, declara Juan González, Alcalde de Nigrán que aproveita para “mostrar o profundo agradecemento á dirección do Colexio Humberto Juanes, sempre disposta a ofrecer de xeito desinteresado e facer do seu centro educativo un espazo aberto á cidadanía”.