O Club Baloncesto Nigrán organizou a VIII edición do torneo Basket sen Barreiras no Pavillón de Panxón cun dobre obxectivo: romper obstáculos sociais a través do deporte e recadar fondos para a Asociación Frangil contra a leucemia. Preto de 30 equipos de baloncesto e máis de 300 xogadores e xogadoras déronse cita durante dous días no Pavillón de Panxón en horario de mañá e tarde. As xornadas de mañá serviron especialmente para visualizar e promover a integración social de persoas con algún tipo de discapacidade. Para iso contaron co Centro Juan María, que gozaron de diferentes actividades e unha marabillosa convivencia cos xogadores e xogadoras do CB Nigrán.
Para as xornadas de tarde habilitáronse 3 pistas onde xogaron os equipos dos diferentes clubs participantes nas categorías alevín, benxamín e baby. Estas dúas últimas o luns de tarde e a categoría alevín pechando o torneo o martes de tarde. Á entrega de medallas asistiron o alcalde de Nigrán, Juan González, a concelleira de Igualdade, Patricia Diego, e Roberto Garrido, concelleiro de Cultura. Cada xogador/a participante realizou un donativo para a Asociación Frangil que foi depositado na urna que se atopou no pavillón durante os dous días de torneo. Todas as familias de xogadores, así como o resto de persoas asistentes ao torneo tamén colaboraron con este fin solidario achegando o seu donativo na devandita urna.
Todo o recadado durante os dous días de torneo, así como durante a semana na que a urna visitou os diferentes colexios de Nigrán, será entregado á Asociación Frangil contra a leucemia. Desde a directiva do club queren agradecer a axuda e colaboración da Fundación laCaixa, do Concello de Nigrán, da Federación Galega de Baloncesto, das direccións e claustros dos centros educativos de Nigrán, do resto de entidades colaboradoras, así como de todos os clubs participantes, adestradores e familias, que fixeron posible o éxito deste Basket sen Barreiras.















