Sin categoría

A Garda Civil detén a catro persoas polo roubo de cartillas bancarias para abrir contas falsas

A Garda Civil da Guarda detivo a catro persoas, polo roubo de cartillas bancarias e diñeiro en efectivo nun domicilio da Guarda. O roubo produciuse o 19 de maio de 2023 e foi a propia vítima, agora falecida, a que denunciou o roubo. Autores descoñecidos forzaran a porta da súa vivenda e fixéronse con máis de 10000 euros en efectivo e polo menos dúas cartillas dunha entidade bancaria.

Os agora arrestados, coa intención de baleirar as contas do prexudicado, abriron 5 contas nunha coñecida pasarela de pagos, para poder facer compras, evitando ser rastrexados. Unha herdeira da vítima detectou que había cargos sen xustificar na conta do seu familiar xa falecido e no mes de novembro pasado presentou unha denuncia ante a Garda Civil. A investigación en colaboración co equipo EBIO da compañía de Tui, posibilitou identificar os autores destes ilícitos penais.

Dous deles son presentados esta mañá perante o xulgado número TRES de Tui, un terceiro xa estaba en prisión por feitos similares e o cuarto é un menor que quedou en liberdade con cargos e ao dispor de Fiscalía de menores. Os detidos, todos eles veciños da Guarda e que contan con antecedentes policiais, usurparon ademais a identidade do prexudicado para contratar tres liñas telefónicas, e conseguiron facerse cuns 600 euros das contas bancarias.