O San José Valladolid e o CB Torelló campións do XV Torneo de Minibasket de Baiona

Este domingo finalizou a XV edición do Torneo de Minibasket CB Baiona, contando con máis de 500 participantes e batendo récords de aforo durante toda a fin de semana, tanto no Pavillón Municipal de Baiona como no do Colexio de Cova Terreña.

Nesta edición, tras unhas intensas finais, proclamáronse campións do torneo o San José Valladolid, en categoría masculina, e o CB Torelló, en categoría feminina, tras vencer ao Nexo 8 ETT Novobasket e CB Culleredo, respectivamente. Recibiron o premio a mellor xogador do torneo (MVP) Anxo Rodríguez, do Nexo ETT Novobasket, e Pepa Balirac, do CB Culleredo.

Tamén foi galardoado co premio á deportividade o equipo Depordima Feminino e en categoría masculina mención especial para Nil Moret, de CB Torelló. Na clausura do torneo estiveron presentes Jesús Vázquez Almuiña, alcalde de Baiona, Ana Iglesias, Concelleira de Deportes, Luisa Sánchez, Vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, e Severino Castiñeiras, Presidente do Club.

Desde o CB Baiona felicitan a todos os clubs pola súa participación e por facer destes tres días de competición unha bonita experiencia de convivencia e baloncesto. Tamén queren agradecer a colaboración indispensable e dedicación dos voluntarios, así como dos colaboradores: Concello de Baiona, Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra, Gadis, Agua Sana, Electrocom, Grupo Vigape, Eroski e Telepizza Baiona.

O CB Baiona empeza a conta atrás para a seguinte edición do torneo, esperando repetir o triunfo de convivencia e competición o ano que vén.