Sin categoría

As mellores canteiras de Galicia, un ano máis en Baiona

O Erizana presentou este luns no Salón de Plenos do Concello de Baiona o seu XII Torneo de Fútbol 8, que congregará entre o 26 e o 28 de marzo a máis de 700 nenos de toda Galicia, repartidos en 60 equipos participantes. Ao acto asistiu Óscar Piñeiro, coordinador do Erizana, José Antonio Figueroa, presidente do Erizana, Jesús Vázquez Almuiña, alcalde de Baiona, e Ana María Iglesias, concelleira de Deportes.

Durante tres días, nos campos do Aral e Val de Martín, nenos dos clubs máis importantes de toda Galicia, como o Celta, Lugo, Gondomar, Ural, Santa Mariña, Bertamiráns, Calasanz, Pabellón, Ourense, Gondomar, Porriño, Coruxo, Val Miñor, Ribera, Choco, Mos, Alertanavia, Areosa, Victoria, Pereiro, Alondras ou Ponteareas, estarán en Baiona compartindo deporte, experiencias e aprendizaxe.

O torneo arrancará o martes 26 coa categoría Alevín, con 20 equipos; o mércores 27, outros 20 equipos disputarán o torneo da categoría Benxamín; e o xoves 28, a categoría Prebenxamín pechará a competición, tamén con 20 equipos. Durante os tres días, os encontros disputaranse en xornada de mañá e tarde en dous campos simultaneamente, Aral e Val de Martín. Os encontros comezarán ás 10:00 da mañá, finalizando cada xornada coa entrega de trofeos ás 20:15 horas.

O alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, agradeceu “a implicación dos organizadores neste evento que atraerá ata Baiona a máis de 700 deportistas durante tres días”. Vázquez Almuiña tamén quixo poñer en valor “o traballo feito ao longo de todos estes anos polo Erizana CF”.