Sin categoría

O baionés Brais Costas Fragueiro logra un novo Premio á Excelencia Académica

O baionés Brais Costas Fragueiro é un dos 430 estudantes das tres universidades galegas que recibiron este venres os Premios Ángela Ruiz Robles á Excelencia Académica por obteren as mellores cualificacións no curso académico 2021/22. Os galardóns foron entregados no Museo Centro Gaiás na Cidade da Cultura nun acto coa participación dos tres reitores das universidades públicas galegas, Antonio López, Manuel Reigosa e Ricardo Cao, así como o presidente da Xunta de Galicia en funcións, Alfonso Rueda; e o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade en funcións, Román Rodríguez.

Este é o segundo Premio á Excelencia Académica de Brais, xa que tamén recibiu o do curso 2020/21. A contía dos premios é de 1.100€ por cada unha das persoas beneficiarias. Así mesmo, cada premiado recibiu un diploma acreditativo desta distinción. Natural da parroquia de Baredo, estudou Primaria no CEIP de Fontes-Baíña e a ESO e o Bacharelato no IES Primeiro de Marzo. Estuda Filoloxía Galega en Santiago de Compostela co obxectivo de converterse en profesor. No 2019 xa puido presumir de obter a mellor nota de toda Galicia nas probas de acceso á Universidade (ABAU), coñecidas anteriormente como Selectividade.

Esta convocatoria concede un premio por cada un dos cursos nos que se estruturan os plans de estudos das titulacións oficiais de grao e en cada un dos centros en que se imparten, agás no derradeiro curso, no que se outorgan os Premios Fin de Carreira. Para poder ser premiado, o alumnado debe ter no curso académico unha nota media igual ou superior a oito puntos e ter superado a totalidade dos créditos matriculados, que como mínimo serán 60. Tamén estar matriculado da mesma titulación no seguinte curso. Os premios outórganse de oficio por proposta das universidades do Sistema universitario de Galicia.

Este é o segundo ano no que estes galardóns reciben o nome de Ángela Ruíz Robles, mestra ferrolá de adopción, que foi un exemplo de valores como o esforzo, o tesón, a excelencia, a continua aprendizaxe, a vocación de servizo á sociedade, idóneos para vencellalos a esta convocatoria de galardóns. En 1949 inventou e rexistrou a patente do que é o antecedente do libro electrónico.