Os J80 galegos encaran este sábado en Baiona a recta final da Liga de Inverno organizada polo Monte Real Club de Yates co patrocinio de Baitra Accesorios Navales. A partir das tres da tarde, no interior da baía, disputarase a penúltima das cinco xornadas programadas na competición.
Será unha etapa decisiva para configurar a clasificación final da liguiña, xa que os catro primeiros clasificados atópanse, agora mesmo, separados por apenas seis puntos. Trátase dunha diferenza mínima tendo en conta que aínda quedan 6 probas por diante e que as tripulacións terán, ademais, a posibilidade de eliminar da táboa o seu peor resultado ata o momento grazas á aplicación dun descarte a partir da sexta proba.
O Alboroto de Javier Aguado e o Picacho de Miguel Viejo van primeiro e segundo empatados a 9 puntos; e o Solventis Ribadeo de Malalo Bermúdez e o Cansino de Alejandra Suárez séguenlles desde a terceira e cuarta posición, empatados tamén a 15 puntos.
Na quinta posición sitúase o Abril de Eduardo Reguera, un equipo que deu a sorpresa na anterior xornada ao conseguir entrar no Top 5 a pesar de ter problemas co spi. Ten 24 puntos e se xoga ben as súas cartas e algún dos primeiros pica, podería mesmo ter posibilidades de facerse con algún dos postos de podio.
O resto de tripulacións teñen unha puntuación que lles dificulta bastante o poder coarse entre os primeiros da clasificación de fronte ao final da competición. En sexta posición atópase o Luna Nueva de Juan Luis Tuero, con 47 puntos, case o dobre que o anterior clasificado. Con 57 puntos aparece o SDN Cormorán de Francisco Javier Martínez no sétimo posto; o Grupo Puma de Santiago Estévez vai oitavo con 61 puntos; e o Mondo de Bernardo Macedo e o Arriscao de Rosario García van noveno e décimo con 64 e 65 puntos respectivamente.
Despois de toda a choiva e os temporais rexistrados en anteriores xornadas, nas que mesmo houbo que suspender probas, a etapa deste sábado, que é a cuarta das cinco programadas, será a primeira que se dispute con poucas nubes e sen precipitacións. O vento soprará do noroeste cunha media de 10 nós e refachos que superarán os 15.

