Sin categoría

Gondomar celebra o Día da Poesía, dos Bosques, da Eliminación da Discriminación Racial e da Síndrome de Down

O Concello de Gondomar celebrou un acto con motivo das diferentes conmemoracións de hoxe, 21 de marzo: “Día Internacional dos Bosques”, “Día Internacional da Eliminación da Discriminación Racial”, “Día da Poesía” e “Día da Síndrome de Down”. Neste acto, presidido polo alcalde Paco Ferreira, acompañado de membros do goberno local, participaron alumnos do Centro Juan María. Os participantes leron diferentes poesías con temáticas relacionadas coas árbores e os bosques, que foron seleccionadas pola asociación Espazo Lectura, para posteriormente realizar a plantación simbólica dunha Magnolia na Praza Paradela, onde tivo lugar o acto.

O alcalde Paco Ferreira na súa intervención destacou “a gran tradición e vinculación de Gondomar co mundo das letras e da poesía” e puxo en valor “o traballo nesta materia tanto dos centros educativos públicos da vila como de asociacións como Espazo Lectura”. Ademais o alcalde fixo énfase na necesidade de que dende as administracións se traballe pola “erradicación de calquera tipo de discriminación, racial, de xénero ou no caso das persoas con Síndrome de Down pola súa propia condición”.

Por último, o rexedor local destacou “a labor deste goberno na protección do noso medio ambiente en xeral e dos nosos bosques en particular, coa plantación por exemplo nos últimos dous anos de máis de 200 novas árbores na contorna urbana, que son a mellor fórmula para combater os gases de efecto invernadoiro e na loita contra o cambio climático”.