Baiona prepárase para celebrar unha Semana Santa marcada polo 450 aniversario da Santa Casa

Este domingo comeza o programa de actos e cultos da Semana Santa Baiona 2024, organizados pola Irmandade da Santa Casa de Paz e Misericordia e a Parroquia de Santa María de Baiona, coa colaboración do Concello, Aceba, Abanca e a Deputación de Pontevedra.

O domingo 24, Día de Ramos, terá lugar a tradicional bendición de Ramos e Palmas na Igrexa Conventual das Nais Dominicas, ás 12:00 do mediodía, para seguir coa procesión cara á Igrexa Parroquial.

O luns día 25, martes 26 e mércores 27 haberá Confesións na Igrexa Parroquial ás 18:00 horas, e ás 19:30 horas, o Triduo ao Santo do Cristo da Boa Morte.

O Xoves Santo, día 28, comezará con Meditación na Igrexa Parroquial ás 11:00 da mañá. Pola tarde celebrarase a Santa Misa da Institución da Eucaristía, ás 16:00 horas na Igrexa Conventual das Nais Dominicas e ás 18:00 horas na Igrexa Parroquial. Ás 20:00 horas sairá acompañada pola Banda de Música de Baiona, desde a Capela da Misericordia, a Solemne Procesión dos Pasos, organizada pola Irmandade da Santa Casa de Paz e Misericordia. O Coro de Homes “Voces Baionesas” interpretará o Miserere na Igrexa Parroquial e na Praza do Concello, onde tamén se fará unha oración ao Cristo dos Pasos. Ás 23:00 horas será Hora Santa para toda a parroquia.

O Vía Crucis na Igrexa Parroquial iniciará a xornada do Venres Santo, ás 10:00 da mañá. A continuación, ás 11:30 horas, o Coro de Homes “Voces Baionesas” interpretará os Cantos Penitenciais na Igrexa Conventual das Nais Dominicas. Pola tarde celebrarase a Paixón do Señor e a Adoración da Cruz, ás 16:00 horas na Igrexa Conventual das Nais Dominicas e ás 18:00 horas na Igrexa Parroquial, desde onde sairá ás 20:00 horas a Procesión do Santo Enterro, acompañada pola Banda de Música de Baiona. Ás 23:00 horas sairá desde a Igrexa Parroquial a Procesión da Soidade (só para mulleres). O Coro de Homes cantará unha Pregaria á Virxe antes de saír e ao recollerse.

Ás 10:00 da mañá do Sábado Santo haberá unha novo Vía Crucis na Igrexa Parroquial. Ás 20:00 horas celebrarase a Vixilia Pascual na Igrexa Conventual das Nais Dominicas, e ás 22:00 horas na Igrexa Parroquial.

O domingo día 31, Pascua de Resurrección, haberá misas ás 9:00 da mañá na Igrexa Conventual das Nais Dominicas e ás 10:00, 12:30 e 19:00 horas na Igrexa Parroquial.

450 aniversario da Santa Casa

A Irmandade da Santa Casa de Paz e Misericordia, a confraría máis antiga de Galicia, celebra este ano o seu 450 aniversario. A Irmandade da Confraría da nosa Señora a Nai de Deus Virxe María da Misericordia naceu o día 5 de abril do ano 1974. O capitán Rodrigo García, destacado militar da Guarnición de Monterreal, tomou a iniciativa de reunir ás personalidades máis destacadas da Vila, entre eles altos membros da milicia, comerciantes, aristócratas e figuras influentes da sociedade baionesa, segundo exprésase no documento de fundación, no que figura a autorización expresa da S.M. o Rei Felipe II. Na actualidade conta con máis de 1.400 socios.

Desde o pasado luns e ata o próximo 20 de abril o hall do Concello de Baiona acolle unha exposición sobre a historia da Irmandade. Na mostra podemos contemplar libros de contas e notas, algúns de principios dos anos 1900. Unhas enaguas, unha delas data de 1883 de Xesús o Nazareno. Capuchinos antigos e novos. Vestimentas da presidencia. Carteis recuperados de anos anteriores… e para terminar o velorio que mostra o manto que cubría os féretros dos socios da Irmandade. No centro da exposición, como non podía ser menos, podemos ver a imaxe da Flaxelación de Cristo, coñecido popularmente como o Cristo dos Farois, cos soldados. Trátase do primeiro dos actos previstos que se organizarán para conmemorar a efeméride.