O Salón de Plenos do Concello de Baiona acolleu este mércores a presentación da XV edición do Torneo de Minibasket que organiza o Club Baloncesto Baiona, na que participaron David Castiñeira, Director Deportivo do CB Baiona, Ana Iglesias Rodríguez, Concelleira de Deportes de Baiona, Luisa Sánchez, Vicepresidenta da Deputación de Pontevedra e Deputada Provincial de Deportes, e o Alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña.
Esta edición, que se celebrará os próximos días 22, 23 e 24 de marzo, contará con 32 equipos de categoría alevín, 16 masculinos e 16 femininos, procedentes de Cataluña, Valladolid, Ponferrada e as catro provincias galegas. A fin de semana será de actividade frenética, xa que se disputarán un total de 74 partidos e reunirá na vila de Baiona a máis de 450 participantes.
O venres 22 de marzo arranca esta edición co clásico concurso de tiro por parellas. O sábado disputarase a fase de grupos e o domingo terán lugar os playoffs para todos os equipos. Terminando a edición pola tarde coas finais de cada categoría e a clausura do Torneo coa entrega de premios a todos e trofeos aos gañadores.
Desde o CB Baiona trabállase para que esta nova edición estea á altura das anteriores. Tamén desexan que os participantes gocen desta nova edición e sigan sumando experiencias tanto deportivas como de convivencia con equipos doutros puntos de Galicia e España.
O Alcalde, Jesús Vázquez Almuiña, agradece “a implicación dos organizadores neste evento que atraerá ata Baiona a máis de 450 deportistas durante esa fin de semana”. Vázquez Almuiña tamén quixo poñer en valor “o traballo feito ao longo de todos estes anos polo Club Baloncesto Baiona”.
VENRES 22
- 18:00 h
- CONCURSOS DE TIRO
- Participación aberta a todos e todas
SÁBADO 23
- 09:00 a 22:00 h
- FASE DE GRUPOS
DOMINGO 24
- 09:00 a 14:00 – PLAY OFF
- 17:00 h – FINAL MASCULINA
- 18:00 h – FINAL FEMININA

