A escola de baile Ldanzia de Gondomar participou esta fin de semana no CND (Concurso Nacional de Danza) celebrado en Ourense. A directora e profesora Lorena Benítez Pereira levou para a súa escola 16 primeiros premios, cinco segundos e un terceiro das 22 coreografías coas que participou. Dos bailes que participaron, varios foron premiados con unanimidade e felicitación do xurado. A directora está orgullosa do traballo e o esforzo de todos os participantes, xa que o concurso coincidiu cos exames finais de gran parte do alumnado.
“Todas as profesoras estamos moi contentas co resultado obtido. Os premios foron froito do traballo en equipo. É a primeira vez que participamos no concurso e conseguimos pasar á seguinte fase que se celebrará en Burgos. Para colaborar cos participantes, xa que supoñerá un gran desembolso económico, temos preparada unha Gala co obxectivo de recadar fondos para os gastos do concurso. Pronto se publicará a data. Esta disciplina necesita moito investimento e non todas as familias dispoñen dos medios para este tipo de eventos”, apuntou a directora.




