Sin categoría

O PP propón modificar o proxecto da senda peonil de Parada no cruce coa estrada PO-332

O grupo municipal do PP de Nigrán vai propoñer a modificación urxente do proxecto de construción da senda peonil na parroquia de Santiago de Parada, actualmente en obras, no punto no que esta actuación se achega á estrada autonómica PO-332 co obxectivo de corrixir as actuais dificultades de xiro e circulación para os vehículos que se desprazan entre esta zona e o lugar de Areíña.

Os populares, a través da súa voceira, María José Pino, anunciaron que van levar esta proposta de cambio do proxecto ante o pleno da corporación municipal co obxectivo de que o goberno local introduza esta modificación no proxecto para mellorar o resultado final da obra e que o alcalde solicite esta variante ante a Deputación de Pontevedra, que financia o 70% dos 804.151 euros de investimento.

A concelleira popular, que visitou a contorna na que se están a desenvolver os traballos e o conflitivo punto no que se solicita o cambio, advertiu de que “aínda se está a tempo de afrontar este importante cambio na obra que facilitaría a circulación neste entronque e evitaría as actuais complicacións que padecen os vehículos que se desprazan entre Parada e Areíña”.

“Cremos que é unha proposta moi razoable, que é demandada polos veciños e polos usuarios destas vías e que compartimos plenamente para corrixir a mala configuración actual dun cruce no que converxen tres estradas e que acollen diariamente a centos de vehículos”, explicou Pino, que detallou que este punto afectado polas obras da senda peonil de Parada é complexo e require dunha solución dado que no mesmo conflúen as estradas provinciais EP-2106 A Ramallosa-Parada e EP-2303 Gondomar-Vilaza-Parada e a vía autonómica PO-332 Nigrán-Vincios.