Sin categoría

Nigrán celebra o enterro do kiko este sábado

O Concello de Nigrán celebra finalmente este sábado 16 de marzo o seu tradicional enterro do kiko que, cada ano, pon fin ao Entroido (nesta edición tívose que pospoñer dúas veces por mor da choiva). O evento máis característico do Entroido nigranés, realizado grazas ao Centro Cultural Parada do Miñor, terá lugar a partir das 18:00 horas coa saída desde o Auditorio Municipal da comitiva fúnebre cara o Torreiro de Parada para ser velado nunha cerimonia fúnebre oficiada polo pregoeiro Antonio, quen divertirá coas súas coplas elaboradas cada ano ex-profeso. Despois terá lugar a procesión polo barrio da Igrexa e a queima.

Esta peculiar celebración naceu en Parada da man do Centro Cultural e Recreativo Parada do Miñor como alternativa ao típico “Enterro da Sardiña”, xa que a parroquia non ten mar pero si presume de múltiples galiñeiros con “kikos” (ata o punto de que esta ave representa á entidade). Ao longo dunha década de vida foi adquirindo sona na localidade e, o que comezou como unha festa entre veciños, é hoxe en día un evento distintivo do Entroido nigranés ao incluír o Concello hai oito anos a saída da comitiva desde o Auditorio Municipal e co kiko tirado por un carro de bois (nesta edición os bois non poderán estar).