Sin categoría

O PP de Nigrán esíxelle ao alcalde que negocie a apertura do camiño bloqueado en Camesella

O grupo municipal do PP de Nigrán vén de esixirlle ao alcalde, Juan González, que asuma a súa responsabilidade de gobernar e de desenvolver as súas competencias municipais en materia de vías e se proceda de inmediato a negociar a apertura do camiño bloqueado en Camesella, na parroquia de San Pedro de Ramallosa, ou a xestionar un acceso alternativo para que os veciños non teñan que dar un gran rodeo para chegar ás súas vivendas ou para desprazarse a outros lugares próximos como Igrexa ou Souto, entre outros.

A voceira municipal, María José Pino, que vai manter unha xuntanza cos veciños esta mesma tarde xunto aos demais concelleiros do PP de Nigrán, lamentou que o rexedor “se poña de perfil e sen mollarse, que é algo ao que nos ten desgraciadamente acostumados, e amose un absoluto pasotismo ante un asunto de competencia exclusivamente municipal, como é o caso das pistas”.

Para os populares, o alcalde e o seu goberno deberían abandonar esta postura de deixamento e abandono dos veciños de Camesella e liderar a busca de solucións que, neste caso, pasarían, segundo a proposta do PP, por chegar a un acordo co propietario para que manteña habilitada a servidume de paso e os veciños poidan acceder ou ben proceder á adquisición dos terreos para manter a pista cun uso público. En caso de que non fora posible, o PP cre que habería unha terceira alternativa que consistiría en conseguir outros terreos próximos para crear unha pista que garanta un acceso directo e áxil ás vivendas e a outros lugares sen ter que facer longos desprazamentos.

O PP de Nigrán, que baralla levar este asunto ao pleno municipal tras escoitar esta tarde as inquedanzas e necesidades dos veciños, amosaron o seu absoluto respecto polas sentencias xudiciais que lle dan a razón ao propietario, pero elo é perfectamente compatible con que o executivo de Juan González “se poña a gobernar en serio, que é a súa responsabilidade e que non fai habitualmente, e traballe para solucionar este conflito”, xa que lembraron que a actual situación prexudica moito aos máis de 200 veciños de Camesella e dos lugares próximos como afectados directos.