Sin categoría

Emprendemento e innovación desempeñan un papel crucial no desenvolvemento e sustentabilidade da economía azul

O concepto «Economía Azul» refírese a unha perspectiva económica que se centra no uso sostible dos recursos mariños e costeiros para impulsar o desenvolvemento económico dunha rexión. Tal e como se expuxo hoxe, durante a segunda xornada do Blue Atlantic Forum que se está celebrando no Parador de Baiona, trátase de aproveitar de maneira responsable os recursos do océano e os seus ecosistemas para xerar oportunidades.

Os expertos que participaron no foro, coincidiron en sinalar que a clave para o éxito neste campo é combinar o emprendemento e a innovación empresarial cun enfoque sostible que promova a conservación dos océanos e os seus recursos a longo prazo.

A acuicultura sostible, o turismo mariñeiro e costeiro, as enerxías renovables, a biotecnoloxía, a optimización da loxística e o transporte marítimo ou a xeración de novos combustibles que permitan a descarbonización da frota, presentáronse como exemplos posibles áreas de emprendemento na economía azul.

Responsables do Consorcio da Zona Franca de Cádiz, de GALP Ría de Vigo- A Guarda e de Ecocabans, presentaron diferentes iniciativas de apoio público para a posta en marcha de novos proxectos e expuxeron diversos casos de éxito neste ámbito.

Biotecnoloxía para innovar

Noutra das mesas de debate na que participaron profesionais de CZ Vacines, Ecocelta Galicia e CEAMSA, destacouse que a biotecnoloxía desempeña un papel crucial no desenvolvemento e a sustentabilidade da economía azul ao ofrecer solucións innovadoras para a xestión de recursos mariños, a conservación do medio ambiente e a creación de produtos e servizos derivados dos océanos. Así mesmo, púxose en valor o papel de Galicia como referente no ámbito da investigación biotecnolóxica e o enorme potencial da Comunidade para o desenvolvemento da Economía Azul.

Para que os participantes no foro puidesen visualizar de maneira práctica o uso de recursos mariños para a produción de novos produtos, CEAMSA compartiu cos asistentes un obradoiro de gominolas fabricadas empregando Ceambloom®, un compoñente elaborado a base de algas que substitúe á xelatina de orixe animal, proporcionando a mesma textura.

Innovación transferida ao tecido empresarial

A transferencia de coñecemento ao tecido empresarial é un proceso fundamental para o crecemento e o desenvolvemento da economía, por iso é indispensable que se establezan alianzas entre administracións, empresas e centros tecnolóxicos. No ámbito da Economía Azul esta colaboración é xa unha realidade e entidades como ANFACO-CECOPESCA están a desenvolver diferentes proxectos en que teñen como obxectivo común impulsar prácticas sostibles e crear valor no sector, á vez que aborda retos ambientais e sociais.

Durante a sesión de hoxe, técnicos deste centro tecnolóxico compartiron cos asistentes os avances que están a realizar no marco das iniciativas europeas: IMPRESS, INNOVALGA e ECOEFISHENT.

A primeira, desenvolverá solucións tanxibles para o avance das economías de base biolóxica mariña e de auga doce en Europa, aproveitando as especies de niveis tróficos inferiores infrautilizadas. INNOVALGA, pola súa banda, potenciará o uso comercial de varias especies de macroalgas e microalgas, mediante a aplicación de novos desenvolvementos tecnolóxicos que permitan a obtención de produtos innovadores e con interese comercial, sendo as empresas produtoras do sector de alimentos do mar as que se beneficiarán de forma directa dos avances aplicables á súa actividade produtiva e comercializadora.

E por último, ECOEFISHENT permitirá a explotación sostible e eficiente de fluxos secundarios do procesado de peixe mediante a obtención de bioactivos e galantina para complementos alimenticios de alto valor engadido e produtos para o coidado da pel, así como capas barreiras biodegradables e compostables para envases alimentarios, entre outros.

Sobre Blue Atlantic Forum

Blue Atlantic Forum é un espazo de debate sobre economía azul atlántica e os seus cinco sectores con máis impacto: enerxías renovables mariñas, turismo, pesca, acuicultura e biotecnoloxía mariña.

Tras dúas sesións centradas na gobernanza, a innovación e o emprendemento, o foro de Economía Azul clausurarase mañá cunha xornada dedicada aos Ecosistemas Azuis. Expoñeranse as vantaxes da cooperación como ferramenta de xeración de valor; falarase da pesca como elemento diferenciador dos destinos de costa; e abordaranse outras cuestións como a resilencia ante o cambio climático e a importancia da comunicación e o consumo responsables. Pola tarde, realizarase unha visita guiada á lonxa e o Porto de Baiona e presentarase o proxecto “Pescaturismolocal”.

A terceira edición de Blue Atlantic Forum, que se pode seguir tanto de maneira presencial como en liña, está organizada polo Concello de Baiona, co apoio da Autoridade Portuaria de Vigo, Abanca, e co financiamento de GALP Ría de Vigo A Guarda, a Xunta de Galicia e a Unión Europea. https://blueatlanticforum.org/.