Sin categoría

Baiona saca unha liña de subvencións para os clubs deportivos locais

A Corporación de Baiona aprobou en pleno por unanimidade a convocatoria dunha liña de subvencións destinadas a fomentar e difundir aquelas actividades deportivas organizadas polos centros, entidades ou asociacións sen ánimo de lucro con sede no ámbito territorial do municipio.

O Alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, sinala que “desde o Concello quixemos sacalas no primeiro trimestre do ano para que as entidades que reciban subvención poidan sufragar parte dos gastos que ocasiona a realización da actividade e, como novidade, ampliamos o prazo para a xustificación ata o 30 de novembro”.

A práctica deportiva confirmou a súa importancia como elemento fundamental á saúde física e mental de quen o practica; por outra banda, revelouse como un gran factor de corrección de desequilibrios sociais, crea hábitos favorecedores da inserción social, canaliza o cada vez máis crecente tempo de lecer e fomenta a solidariedade mediante a súa práctica en grupo ou en equipo.

O Concello de Baiona considera fundamental o fomento do deporte en todas as idades, pero queren destacar ao deporte base para crear hábitos saudables desde temperá idade. “Os clubs, entidades e asociacións están representadas por persoas que realizan un gran labor no municipio de forma altruísta e ás que estamos totalmente agradecidos”.