Sin categoría

Máis dun centenar de expertos participan en Baiona no Foro de Economía Azul

A partir de mañá, mércores 13 de marzo, o Parador de Baiona acollerá a terceira edición do Blue Atlantic Forum, onde durante tres días expertos debaterán sobre economía azul atlántica e os seus cinco sectores con máis impacto: enerxías renovables mariñas, turismo, pesca, acuicultura e biotecnoloxía mariña.

Mañá mércores, 13 de marzo, o Foro centrarase en asuntos relacionados coa Gobernanza. Tras a inauguración oficial ás 09:30h, a través de distintas mesas debaterase sobre o potencial da economía azul como facilitador estratéxico do territorio; analizarase o caso do Porto de Vigo como exemplo de impacto na economía azul; presentaranse diferentes opcións de financiamento para a economía azul; e poñerase en valor o Océano Atlántico como elemento crave para a transición enerxética.

O xoves, 14 de marzo, dedicarase ao Emprendemento e a Innovación e profesionais de distintas entidades e empresas abordarán temas como o emprendemento na economía azul, a biotecnoloxía como canle para innovar neste ámbito e a transferencia da revolución azul ao tecido empresarial. As sesións completaranse cun obradoiro de gominolas dirixido por CEAMSA e un road-show de oportunidades de financiamento no Atlántico.

O foro pecharase o venres, 15 de marzo, coa xornada dedicada aos Ecosistemas Azuis. Este día expoñeranse as vantaxes da cooperación como ferramenta de xeración de valor; falarase da pesca como elemento diferenciador dos destinos de costa; e abordaranse outras cuestións como a resilencia ante o cambio climático e a importancia da comunicación e o consumo responsables. Pola tarde, realizarase unha visita guiada á lonxa e o Porto de Baiona e presentarase o proxecto “Pescaturismolocal”.

A terceira edición de Blue Atlantic Forum, que se pode seguir tanto de maneira presencial como en liña, está organizada polo Concello de Baiona, co apoio da Autoridade Portuaria de Vigo, Abanca, e co financiamento de GALP Ría de Vigo A Guarda, a Xunta de Galicia e a Unión Europea. https://blueatlanticforum.org/.