Sin categoría

Nigrán reforza o seu compromiso co Sáhara

O Concello de Nigrán trasladará ao seu eido deportivo e cultural o seu coñecido compromiso co pobo saharauí. Con este propósito, a edil de Deportes, Sara Penedo, e o edil de Cultura, Roberto Garrido, visitaron esta pasada semana os campamentos de refuxiados en Alxeria, en Tindouf, achegaron propostas concretas na convivencia anual da mocidade saharauí e participaron na maratón do Sáhara (28 de febreiro) na que acadaron senllos podios (Sara primeira na proba de 10 km e Roberto segundo na maratón). Durante toda a semana (do 24 de febreiro ao 1 de marzo) mantiveron encontros con máximos mandatarios da República Árabe Saharauí, como o ministro de Cultura e os alcaldes e alcaldesas das diferentes wilayas para coñecer in-situ a realidade desta poboación desprazada aquí desde 1975 e concretar iniciativas.

A visita dos concelleiros a Tindouf traduciuse en acordos concretos: colaborar coa Escola de Cine do Sáhara e o Festival de Cine Fisahara co obxectivo de crear unha edición especial en Nigrán tomando como referencia a de Zaragoza no 2022, na que durante dous días se proxectaron algúns dos filmes gañadores, se deron charlas e, sobre todo, se deu a coñecer entre a poboación a responsabilidade de España no proceso descolonizador deste territorio ocupado por Marrocos desde 1975. Paralelamente, o Concello de Nigrán comprometeuse a irmandar desde este mesmo ano a carreira popular “Nigrán Area” que cada agosto se celebra en Praia América coa Maratón do Sáhara e a seguir promovendo a participación de mulleres saharauís na súa carreira. En ambos eventos recadaranse fondos para mellorar as condicións de vida nos campamentos e, sobre todo, se sensibilizará á veciñanza sobre este conflito aínda sen resolver por parte da comunidade internacional. Igualmente, tanto Penedo como Garrido se comprometeron a organizar charlas nos centros educativos de Nigrán e a traer unha mostra de fotografías co obxectivo de que as novas xeracións de nigraneses teñan presente o problema do Sáhara e a responsabilidade histórica de España (potencia colonizadora).

“O compromiso do Concello de Nigrán co pobo saharauí é máximo e por iso non paramos de buscar novas vías de cooperación. Estamos moi orgullosos de que Nigrán estivera presente na convención anual da mocidade saharauí e nos festexos polo 51 aniversario da República Árabe Saharauí coincidindo co 27 de febreiro”, explica o alcalde, Juan González, quen impulsou e financiou desde o Concello o proxecto “Nadafa” de recollida de residuos e sensibilización ambiental nos campamentos de refuxiados saharauís, concretamente na wilaya de Bojador, con 16.500 habitantes, iniciativa que os concelleiros supervisaron in-situ tamén nesta visita con vistas a manter a colaboración nos vindeiros anos. “Somos representantes políticos elixidos democraticamente pola veciñanza de Nigrán e cremos que a nosa participación aquí nos fai mellores concelleiros, a materialización das nosas propostas será positiva tanto para a poboación saharauí como para a nosa veciñanza”, sinalan ambos edís, aínda emocionados pola experiencia nos campamentos. No caso de Sara Penedo, (licenciada en Ciencias da Actividade Física e o Deporte e quen xa visitara os campamentos en decembro do ano pasado) continúa ademais co seu propósito de organizar adestramentos personalizados online de cara a que as mulleres saharauís se animen a participar nalgunha das probas da maratón do Sáhara na vindeira edición co obxectivo de eliminar esa fenda de xénero. “O deporte é saúde física e mental, por iso é importante chegar ás mulleres e rachar con prexuízos”, incide Penedo.

“O compromiso do goberno de Nigrán co pobo saharauí é máximo. Historicamente a comarca participa no programa ‘Vacacións en Paz’ que, grazas ás familias acolledoras e ao financiamento dos concellos, trae a menores saharauís no verán”, explica González, quen o ano pasado cedeu durante o verán a vivenda municipal de Balinfra (Camos) aos monitores saharauís que acompañan aos cativos. “O movemento solidario e a vontade expresada pola sociedade civil nesta causa é absoluto, o conflito do Sáhara compete directamente a España porque foi unha provincia máis deste país, e por iso queremos manter unha colaboración con eles, cremos que desde o local tamén debemos formar parte da cooperación internacional”, insiste o rexedor, quen aprobou no 2022 no Concello de Nigrán unha moción en defensa do dereito de autodeterminación do pobo saharauí e de rexeitamento da viraxe neste asunto de política exterior por parte do goberno de España, sendo o primeiro municipio de Galicia en facelo.