Sin categoría

O alumnado do CEIP Belesar reflexiona sobre “A muller e a Prehistoria” no 8M

Con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller, o CEIP Belesar quixo abordar este 8 de marzo desde unha ollada diferente, aproveitando o proxecto anual do centro “Camiñando pola Prehistoria”. A actividade que deseñaron, titulada “A muller e a Prehistoria”, invita ao alumnado a reflexionar sobre unha serie de feitos aceptados por todos nós respecto ao papel que desenvolveu a muller nas sociedades prehistóricas, que revisaron desde a interesante perspectiva que ofrece a arqueoloxía de xénero.

Así, as nenas e nenos de Belesar cuestionaron o rol secundario que aparentemente xogou a muller no pasado, e que xustifica tantas actitudes que perpetuamos no presente. Grazas ao rexistro arqueolóxico puideron asegurar que a muller cazaba tanto como o home no Paleolítico, que existiron chamanas hai 7.000 anos ou que as primeiras artistas e creadoras que plasmaron a súa arte nas covas ben puideron ser mulleres.