Sin categoría

“Temos que estar unidas ante todas as inxustizas que aínda se cometen contra as mulleres”

Este venres día 8 de marzo conmemórase o Día Internacional da Muller. Por tal motivo, a Asociación de Mulleres Area Loura convocou unha concentración na Ramallosa para reclamar a igualdade entre mulleres e homes. Tras a lectura de varios poemas, leuse un manifesto reivindicando “os nosos dereitos como mulleres, a ser libres, a poder facer o que queiramos sen ter medo”. “É o momento de acordarnos de todas as mulleres que seguen sufrindo violencia machista e dos nenos e nenas que son vítimas de violencia vicaria, e das mulleres, nenas e nenos que son violadas. É o momento de acordarnos das mulleres que están en risco de exclusión social, de pobreza feminina, das que teñen traballos precarios, das que non teñen traballo, das que non teñen apoio da familia e con nenas e nenos ás que non lles alugan unha vivenda, da fenda salarial que aínda existe. Este ano tamén nos queremos acordar de todas as mulleres que nos precederon e que xa nos achandaron o camiño”.

“Asistimos impasibles como sociedade ao asasinato de mulleres. As administracións públicas son incapaces de reaccionar e poñer recursos encima da mesa. A Xunta de Galicia fai abandono das súas competencias en materia de violencia machista e o Goberno do Estado, a través do Ministerio de Igualdade, malgasta os poucos recursos dedicados a esta cuestión en bobadas varias que nada teñen que ver coas necesidades das mulleres. Temos que estar unidas ante todas as inxustizas que aínda se cometen contra as mulleres: violencia, violacións, opresións, prostitución… Area Loura somos un colectivo, no que cada unha ten as súas ideas, se debate sobre elas, pero non temos unha ideoloxía común. Sigamos sendo así, non hai que dividirse, hai que seguir loitando xuntas, falando con outras asociacións, coas institucións, coas mulleres e cos homes, para ser unha sociedade mellor e máis igualitaria”, continúa o manifesto.

“Mentres non se consiga esa igualdade, seguiremos loitando por todas as mulleres, e para que deixe de existir o patriarcado. Pedímosvos que sigamos saíndo á rúa, a reivindicarnos como mulleres, como feministas, apañade as bandeiras e que non cese a loita das mulleres do mundo. Querémonos libres e iguais”, conclúe o manifesto.