O Partido Popular de Nigrán, a través da súa portavoz municipal María José Pino, propón, ante a proximidade da finalización das obras da rúa Otero Pedrayo, o establecemento de axudas para os veciños e veciñas da zona que deban realizar novas acometidas de auga, electricidade ou telefonía.
“A reforma da rúa Otero Pedrayo, iniciada en agosto de 2022 e cun orzamento de 1,3 millóns de euros (dos cales 0,9 millóns corren a cargo da Deputación de Pontevedra) acumula un inxente tempo de atraso sobre o proxecto inicial, o que provocou un importante prexuízo cara aos residentes da zona, que se viñeron manifestando en numerosas ocasións esixindo solucións ao alcalde Juan González, o cal veu escusándose da maneira máis variada: a aparición de amianto, a excesiva carga de traballo da empresa concesionaria, as choivas, etc.”, relatan os populares.
“A esta neglixente xestión por parte do goberno municipal sumouse, para máis inri, a esperpéntica inauguración da rúa no mes de maio de 2023, xusto antes das eleccións municipais e co 50% da obra pendente de realizar. Finalmente, a marzo de 2024, e tras 20 meses de traballo (multiplicando por 5 o tempo previsto), as obras encamíñanse ao seu final, polo que desde o Partido Popular de Nigrán reclámase a imposición dunha penalización á empresa adxudicataria pola demora na entrega da rúa”, engade a súa portavoz.
Así mesmo, Pino propón empregar os fondos derivados da devandita penalización para subvencionar as novas acometidas de auga, electricidade e telefonía dos veciños e veciñas residentes da zona. O grupo municipal popular considera que, ante o prolongado período que durou a obra e todos os problemas ocasionados pola mesma, é de xustiza que desde o Concello fágase un esforzo para emendar, na medida do posible, as molestias dunha xestión “francamente mellorable”.

