Nigrán contratará a 18 persoas desempregadas a través do Plan +Provincia da Deputación

A Deputación acaba de aprobar en Xunta de Goberno destinar preto de 2 millóns de euros para que 10 concellos da provincia impulsen novos investimentos e contraten a 49 persoas ao abeiro das liñas 1, de investimentos, e 3 de activación de emprego, do Plan +Provincia. Benefícianse destes recursos A Cañiza, A Guarda, A Lama, Arbo, Baiona, Cerdedo-Cotobade, Dozón, Lalín, Marín e Nigrán.

No caso da liña 3, de activación de emprego, a institución provincial aproba 577.000 euros para a contratación de 49 persoas desempregadas nos concellos de Nigrán, Marín, A Cañiza e Dozón. En concreto, Nigrán recibirá 214.242 € para contratar a 18 persoas que traballarán como peóns forestais (15) e conserxes/ordenanzas (3).

“Seguimos activando recursos e tendendo pontes cos concellos”, asegurou o presidente da Deputación, Luis López, que lembrou que xa se aprobaron preto de 9,5 millóns de euros deste plan para os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia.