O Auditorio do CPI de Cova Terreña acolleu a presentación da campaña “8M, a Igualdade é a razón”, a primeira das actividades da programación “Baiona Lila 8M”, que trae consigo un mes dedicado a actividades para sensibilizar e educar en igualdade. O acto comezou coa interpretación da canción de Rozalén “Yo no renuncio” por parte do Coro de Secundaria do colexio municipal. A continuación, tivo lugar unha performance do grupo de teatro escolar. A directora do centro Isabel Martínez Cabaleiro foi a encargada de dar a benvida ao centro. Sheila González Martíns, concelleira de Igualdade do Concello de Baiona, foi a encargada de presentar a campaña e dar paso aos vídeos que forman parte do proxecto.
A campaña “8M, a Igualdade é a razón” é unha campaña de reivindicación dos dereitos das mulleres en distintos ámbitos realizada en colaboración coa Asociación Jumelages (irmandamento) da vila de Pornic na que participan mulleres de ambos os dous municipios. Ademais dun vídeo do proxecto “8M, a igualdade é a razón” inclúe unha exposición fotográfica de Irene Silva de todas as mulleres participantes, que circulará polos colexios de Baiona: do 11 ao 15 de marzo no CEIP de Fontes-Baíña; do 18 ao 23 de marzo no CEP de Sabarís; do 2 ao 5 de abril no CEIP de Belesar e do 8 ao 12 de abril no CPI de Cova Terreña.
O Alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, foi o encargado de pechar a quenda de intervencións destacando que “este Concello aposta firmemente por avanzar nos valores da igualdade de xénero desde a administración, como exemplo a seguir polo resto da cidadanía na construción dunha sociedade de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes. Campañas como a que acabamos de presentar son importantes para que chegue á cidadanía a mensaxe e na que é importante que colaboremos todos os axentes sociais e institucións. Porque todas e todos temos que implicarnos activamente”.
O evento terminou cunha bonita interpretación por parte do Coro de Primaria con “A Banda da Loba”.





