Sin categoría

A Liga de Inverno Baitra J80 regresa a Baiona co Alboroto e o Solventis na cabeza

Este sábado regresa a Baiona a Liga de Inverno Baitra J80 co Alboroto de Javier Aguado e o Solventis Ribadeo de Malalo Bermúdez de Castro no máis alto da clasificación. A competición de monotipos organizada polo Monte Real Club de Yates co patrocinio de Baitra Accesorios Navales, na que participan preto dunha vintena de veleiros, vivirá a súa cuarta xornada a partir das tres da tarde.

O escenario, unha vez máis, estará situado no interior da baía de Baiona, e a meteoroloxía anúnciase algo máis benévola que nas etapas anteriores, nas que unicamente se puido disputar unha proba por mor de diversos temporais de mar e vento. Para esta ocasión, as previsións falan dun vento de compoñente sur que soprará con entre 15 e 17 nós, con refachos por encima dos 25. Espérase un día pasado por auga, con moitas nubes e precipitacións durante toda a tarde.

Tras a única xornada disputada e cunha única proba puntuada, o Alboroto de Javier Aguado, Javier Lago, Juan Lago, Ramón Lago e Yago Lago, chegará a esta segunda volta na cabeza da clasificación. En segunda posición séguelle o Solventis Ribadeo de Malalo Bermúdez de Castro, Pepe Lis, Alberto García e David Fontán. E pechando o podio provisional atopámonos ao Picacho de Miguel e Alberto Viejo, con Ricardo Lorenzo, Óscar González e Saul Zambrano na tripulación.

A cuarta posición ocúpaa o Grupo Puma de Santiago Estévez e a quinta o Cansino de Alejandra Suárez. O Ferralemes de Rosario García, o Luna Nueva de Juan Luis Tuero, o Due de Rafael Blanco, o Mondo de Bernardo Macedo e o Namasté de Luis de Mira están entre o sexto e o décimo posto.