Sin categoría

A Garda Civil detén aos presuntos autores de diversos roubos con forza na comarca do Baixo Miño

O equipo EBIO da Garda Civil de Tui detén a dúas persoas, como presuntos autores de varios roubos con forza no Baixo Miño durante os meses de febreiro e marzo. Con data 26 de febreiro recíbese denuncia do furto e uso de vehículo en Tomiño, que é recuperado poucas horas despois na leira dunha vivenda “okupada” na mesma localidade, onde estas dúas persoas fan entrega da chave do mesmo que se devolve ao seu propietario. O pasado 27 de febreiro, recíbese unha denuncia en Tomiño, por roubo con forza nun local de hostalería, de onde levaron diñeiro en efectivo e o caixón da caixa rexistradora. Con data 4 de marzo interpóñense outras dúas denuncias por roubo con forza en dous centros de ensino da mesma localidade, levados a cabo durante a fin de semana anterior, onde forzan os accesos e subtraen diferente material ofimático, aveños e alimentos, así como diñeiro en efectivo. Cun modus operandi idéntico aos anteriores roubos, e novamente preto da vivenda mencionada.

Por todo iso, establécese un dispositivo de vixilancia por parte do Posto da Garda Civil de Tomiño sobre estas dúas persoas observando como pernoitan esta vez nun hotel da vila, abonando a súa estancia con efectivo en moedas, incluso solicitando o cambio de 120 euros de moedas por billetes. Máis tarde localízanse portando diversas bolsas con distintos aveños, ferramentas e alimentos de dubidosa procedencia, incautando os mesmos para tratar de esclarecer se están relacionados con algún dos feitos delituosos. Realízase entrevista con persoal do centro educativo e recoñecen unha cámara dixital subtraída no roubo. Durante a instrución das dilixencias, tense coñecemento dun novo roubo con forza nun establecemento de lavado de vehículos, onde forzan e levan o diñeiro de recadación da máquina.

Faise constar a alarma social entre os hostaleiros e comerciantes da Guarda e Tomiño en relación a estas dúas persoas, xa que realizan pequenos furtos en supermercados e locais de restauración, recibindo diversos avisos destes feitos nos dous postos da Garda civil correspondentes. O seu modus operandi sempre se repite accedendo o home ao interior dos establecementos mentres a muller realiza labores de vixilancia no exterior. Tras unha investigación na que se realizan inspeccións oculares dos lugares dos roubos cometidos e diversas xestións atribúenselles catro delitos de roubo con forza e un delito de furto e uso de vehículo.

Os detidos, unha muller de 47 e un home de 45 anos, de nacionalidade portuguesa, e con diversos antecedentes policiais, os mesmos foran detidos por feitos similares no principio do ano, xunto coas dilixencias foron postos ao dispor do Xulgado de Garda de Tui que decretou a súa liberdade con cargos.