Sin categoría

Dakidarría lanza “XX”, o seu novo disco en directo

Dakidarría presenta o lanzamento de “XX”, o novo traballo en directo onde inmortalizan o inesquecible concerto conmemorativo dos vinte anos de carreira que o grupo ofreceu no Festival “As Revenidas” de Vilaxoán (Arousa, Galiza) no verán de 2023. Aquela máxica noite contaron coas colaboracións de máis de 50 artistas nun percorrido sonoro de máis de dúas horas a través dos vinte anos de vida dun grupo que, dende os inicios, posicionouse na defensa da cultura popular e contestataria. Entre as colaboradoras deste traballo podemos destacar a grandes figuras como Xurxo Souto, Tanxugueiras, Boikot, La Raíz, Mondra, ou High Paw.

Foi un concerto histórico para calquera seguidor de Dakidarría e quixeron deixar constancia tanto en formato vinilo (dobre vinilo edición Deluxe) como en formato CD dobre + Libro de fotografías, curiosidades e variedades. Ademais todos os formatos inclúen tarxeta con código QR para acceso a contido extra e exclusivo: disco completo a máxima calidade, vídeos de concertos da xira 2023 (concerto completo Revenidas, concerto completo Castañazo Rock, vídeos resumo da xira, etc), videoclip “ A vida pirata”, futuro ccceso a visualización en primicia do documental “Seguimos en pé”.

Trátase dunha edición limitada, deseñada ao detalle, que debe completar a discografía de calquera amante da música galega. Gabri (cantante e fundador da banda) define o disco como “unha pequena mostra do que aconteceu a noite do 9 de setembro na celebración, xa non só do noso 20 aniversario, senón da situación actual da escena musical galega. Un disco para a esperanza, un disco que amosa o crecemento dun grupo dende que nace ata que consigue que a súa música sexa banda sonora da vida de xa varias xeracións. Un agasallo para toda amante da efervescencia musical galega dos últimos anos”.

A fin de semana pasada comezaron unha extensa xira de presentación que levará á banda do Val Miñor a multitude de lugares e da que xa anunciaron as primeiras datas e están a piques de presentar un documental inmersivo onde amosarán a vida cotiá do grupo durante a xira do ano 2023.

Dakidarria – XX (En Directo)