A Garda Civil de Baiona-Nigrán investiga a 10 persoas acusadas de ocasionar diversos danos en 12 ambulancias. Estes danos realizáronse entre os meses de xuño e xullo do pasado ano, cando os vehículos estaban estacionados nas zonas habilitadas para iso do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, na base do 061 situada en Sabarís-Baiona e nas instalacións de ambulancias da localidade de Mos.
Os feitos coinciden no tempo co conflito laboral que se inicia a mediados do mes de xuño por mor da renovación do convenio colectivo do transporte sanitario de Galicia, o cal afecta a todas as empresas que xestionan este servizo nas diferentes áreas sanitarias da Comunidade Autónoma. A investigación levada a cabo polo Posto Principal de Baiona-Nigrán permitiu relacionar a autoría dos feitos con varios traballadores das empresas concesionarias.
Os danos, valorados en miles de euros, consistiron principalmente na picada de varias decenas de rodas que provocaron que os vehículos quedasen inutilizados durante varias horas, afectando o servizo prestado á pacientes da Área Sanitaria de Vigo. Aos investigados, de idades comprendidas entre os 39 e 62 anos, acúsaselles dos supostos delitos de danos, agravados por afectar a bens de uso público e aos intereses xerais, contemplados no artigo 263 do Código penal, onde se establecen penas de prisión de 1 a 3 anos e multa de 12 a 24 meses.
As dilixencias instruídas foron remitidas ao Xulgado de Instrución número catro dos de Vigo.

