O Partido Popular de Nigrán, a través da súa portavoz municipal María José Pino, reclama á corporación socialista de Nigrán o nomeamento dunha figura administrativa de referencia que sirva de apoio ás diversas asociacións e entidades veciñais do municipio. Durante o próximo pleno municipal do martes 5 de marzo, un dos puntos para tratar será a bonificación do 95% do imposto de bens inmobles (IBI) a asociacións cuxas actividades fosen declaradas de especial interese ou utilidade municipal.
O Partido Popular de Nigrán votará favorablemente, aínda que considera que o mecanismo utilizado para solicitar a devandita exención non é o máis indicado, pois supón unha importante carga burocrática para as entidades, xa sexa a solicitude ou presentación de documentos, a elaboración de informes ou certificados ou a mera comunicación con diversos entes da administración pública.
Pino lembra que os responsables destas entidades adoitan ser veciños e veciñas do municipio, para os que os trámites administrativos supoñen unha importante barreira á hora de solicitar calquera tipo de axuda, subvención ou simplemente información á administración pública.
Sirva como exemplo que a exención do IBI que se tratará no punto plenario anteriormente citado non será concedida a todas as entidades veciñais solicitantes, xa que, por diversos defectos nas solicitudes, algunha das mesmas quedou excluída, o que supoñerá unha importante carga nas súas contas anuais.
Por todo o citado, desde o grupo municipal popular proponse o nomeamento dunha figura de referencia para estas entidades, escollido entre o persoal actual do Concello, que tería entre as súas funcións as seguintes: asesoramento para a solicitude de axudas e subvencións; intermediación entre administracións públicas para diversos trámites; e comunicación directa coas entidades para informar de calquera aspecto relacionado co seu ámbito que poida ser de interese.

